A caravana socialista fixo parada en Castrelo de Miño, Melón e Ribadavia onde aproveitaron para coñecer as necesidades destes municipios e conversar coa veciñanza
As e os socialistas reivindican a construción dunha estación de captación e bombeo en Castrelo de Miño, que remate dunha vez por todas cos problemas de arsénico na auga de consumo doméstico
A campaña electoral do PSdeG-PSOE de Ourense de cara as eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño prosegue percorrendo a provincia de Ourense e desta vez fixo parada no Ribeiro. Os e as socialistas visitaron Melón, Ribadavia e Castrelo de Miño e aproveitaron para por en valor o patrimonio artístico, cultural e etnográfico da comarca, ademais de facer fincapé na necesidade de “proseguir impulsando a axenda verde dende Europa”.
As e os socialistas sinalan que “é imprescindible abordar o marco de financiación da industria europea, co fin de completar o Pacto Verde e realizar investimentos para a adaptación ao cambio climático”. Neste senso dende o PSOE apuntan na necesidade de impulsar “unha revolución industrial en tecnoloxías circulares e de cero emisións, que sexa resiliente, diversificada e xeradora e oportunidades de emprego de calidade, ao tempo que se logra un reforzo da autonomía estratéxica aberta da Unión para reducir a dependencia de terceiros países en sectores claves”.
A candidata socialista ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo, aproveitou a xornada de campaña para visitar o municipio de Castrelo de Miño, onde estivo acompañada pola voceira municipal, Catalina González Álvarez, e por outros cargos orgánicos do partido. Durante a visita, o PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou para reivindicar a construción dunha nova estación de captación e bombeo de auga no municipio, que remate dunha vez por todas cos problemas do arsénico na auga de consumo doméstico.
Guerra e González fixeron fincapé nas diferentes iniciativas presentadas a nivel local e autonómico, que no caso do municipio contou co apoio do Partido Popular, pero que tal e como denuncian “pouco se avanzou, máis aló de realizar un parcheo coa instalación de filtros especiais que minimizan a problemática, pero non a erradican”. Neste senso apuntan a que o goberno municipal “elaborou un proxecto, pero precísanse de fondos”, motivo polo que aluden a necesidade de “optar a fondos europeos que permitan levar a cabo o proxecto”.
Visita a Melón e reparto informativo en Ribadavia
A caravana socialista tamén fixo parada en Melón, onde aproveitaron para visitar o Mosteiro de Santa María e escoitar a situación na que se atopa este ben patrimonial, de boca do alcalde, Emilio Luís Díaz. As e os socialistas asumen o reto que supón “a rehabilitación e o coidado do noso patrimonio, e temos que loitar pola posta en valor de infraestruturas como o Mosteiro de Santa María de Melón dende Europa”.
En Ribadavia, a candidatura socialista estivo acompañada por representantes da agrupación local e por outros cargos orgánicos da comarca e provincia, que aproveitaron o día de feira para facer un reparto informativo, explicando as principais propostas do partido de cara as vindeiras eleccións europeas.