Estes cambios poñen en perigo a categoría “Suprema” da Indicación Xeográfica
Protexida “Ternera Gallega”. Pedimos unha rectificación da Consellería.
Sarria, 31 maio 2024. Recentemente ven-se de aprobar unha modificación
regulamentaria do Consello Regulador de “Ternera Gallega”, que afecta de forma
directa a todo as explotacións que producen baixo a categoría de “Ternera Gallega
Suprema”.
Estes cambios normativos, obrigados por unha resolución da Axencia Galega de
Calidade Alimentar (AGACAL) e publicada no DOG, implican principalmente a
obriga de encortellar os xatos cebados acollidos a esta categoría. Esta medida vai
afectar de unha maneira especial a todas as explotacións que optaran por un manexo
extensivo da sua cabana ao verse obrigadas a acometer investimentos para dar
cumprimento á mudanza do regulamento de “Ternera Gallega Suprema” que obriga a
estabular os animais de mais de 8 meses durante dous meses ou agrupalos en recintos
pechados.
O efecto negativo que esta obriga pode ter sobre as explotacións extensivas pode
beneficiar aos cebadoiros industriais, de tal maneira que as explotacións extensivas
ao ver-se obrigadas a acometer estes investimento decidan vender antes os seu becerros
que loxicamente iran engordar as explotacións de cebo industrial.
Dalgunha forma, con esta mudanza imposta pola Consellería do Medio Rural
(AGACAL), está-se a cumprir o acordo do sector cárnico asinado no ano 2022,
amparado pola Consellería do Medio Rural. Acordo que a Federación Rura Galega
(FRUGA)l non asinou, no cal se dicía que as explotacións tiñan que adaptar a súa
produción as necesidades da industria.
FRUGA considera que estes cambios poñen en perigo a categoría da “Suprema”,
tendo en conta que as gandarías que actualmente se adicaban a produción tradicional,
poden preferir vender as súas reses nos primeiros meses de vida, renunciando o seu
remate. Estes xatos van ser engordados nos cebadoiros da agro-industria cárnica
galega, aumentando considerablemente a produción de tenreira galega “Normal”, e
utilizando a “Suprema” como simple marketing para favorecer a comercialización
doutras categorías da IXP.
A día de hoxe, xa observamos como algunha denominación de orixe cárnica limítrofe
con Galiza, está a acadar prezos superiores aos que se dan na nosa terra, algo insólito
tendo en conta que TG sempre foi pioneira tanto en prezos, como en volume no
conxunto do Estado español.
A RUGA considera que o futuro da produción de carne de “Suprema” en Galiza, non
pasa por pór dificultades aos gandeiros e gandeiras que utilizan sistemas de manexo en
extensivo, senón que pasa por darlles facilidades, e favorecer a través das campañas
de promoción a súa diferenciación clara e contundente con respecto as producións de
carácter agro-industrial. E desde logo, a propia Consellería ten que rectificar esta
medida a pesares do peso que teñen determinadas portas xiratorias que a dia de hoxe
están en certas industrias galegas.
Ao mesmo tempo vemos como hai unha baixada dos prezos considerable, algo que
deriva de stocks na produción de suprema. Cando fai uns meses a xunta de Galiza,
anunciaba a posta en marcha dunha axuda de 200 euros para os xatos de “Suprema”,
algo que desde FRUGA xa advertimos que esa subvención entraría na conta corrente
das explotacións, pero o gran beneficiado sería a industria, que pagaría menos polos
xatos, co cal a axuda parece que vai mais destinada os matadoiros que os gandeiros.
A Consellería do Medio Rural, ten que tomar cartas no asunto, é preciso facer unha
política acorde coas necesidades das gandarías galegas de carne, que contribúen de
forma decisiva a manter a actividade agro-gandeira en moitas comarcas do país, e como
total son a mellor forma de ter un medio rural vivo e activo.