A Concellería de Servizos Públicos e Xardíns do Carballiño levará a cabo unha ampliación dos recursos económicos e de personal para conquerir unha mellora sustancial na limpeza viaria, cunha nova licitación deste servizo, cuxo funcionamento vén sendo moi criticado a nivel veciñal e tamén por parte dos grupos da oposición na Corporación municipal. O Concello carballiñés abriu o correspondente concurso de licitación, ao que concurren dúas empresas, e que nestes intres está pendente da valoración dos termos administrativos e económicos da documentación que as mesmas presentaron, “e confiamos en que a adxudicación sexa cousa de dous ou tres días”, según indicou a concelleira responsable desta área, Rosa Fuentes.
A concesión deste servizo terá unha duración de catro anos e un custe aproximado de 355.000 euros anuais para as arcas municipais, de xeito que a entidade adxudicataria comprométese a incrementar a actual plantilla de tres a sete barredores, que permitirá ampliar o servizo de limpeza ás zonas periféricas do casco urbán, coma poden ser as parroquias de Arcos, Mesego e Señorín. Ademais, tamén haberá unha dotación de medios mecánicos como máquinas barredoras e de aspiración e lavado de rúas de prazas. Este novo servizo supón dobrar o orzamento que o Concello veu adicando anualmente á limpeza viaria, que pasa dos 150.000 aos 355.000 euros.