A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense desexa trasladar ao compañeiro de partido Gonzalo Iglesias Sueiro a súa satisfacción e ledicia pola decisión da corporación do Concello de Xinzo de Limia, para nomealo como Fillo Adoptivo do municipio pola súa inestimable contribución ao mesmo ao longo de moitos anos. “É de destacar, nos tempos de confrontación e crispación actuais, que el fora quen de chegar a acordos, sendo un claro exemplo do que a concordia e o diálogo poden aportar á Política, con maiúsculas”, explica a secretaria xeral da agrupación local, Natalia González Benéitez.
Así mesmo, as e os socialistas querémonos sumar ao recoñecemento que con este xesto se fai á súa exemplar traxectoria como alcalde e edil da vila logo de obter a iniciativa o respaldo de todos os grupos con actual representación na mesma. “Non se debe esquecer tampouco a contribución que durante a súa carreira profesional realizou ao ensino público como mestre en diversos centros e como delegado provincial de Educación, outro dos seus sinais de identidade e defensa do Partido Socialista Obreiro Español”, lembra.
A súa paixón pola docencia, a pedagoxía e o consenso percíbese, tamén, nas colaboracións e publicacións en medios de comunicación, onde mestura a historia máis recente con aquela outra que non debemos esquecer, dun xeito didáctico, e a nosa propia identidade e arte (que tamén defendeu como presidente da Asociación Cultural Breogán ou patrón da Fundación Xaime Quesada Blanco).
Por todo o exposto, dende a Comisión Executiva non podemos máis que sumármonos ao recoñecemento público dunha figura que tanto aportou e aporta ao avance e desenvolvemento de Ourense subliñando, tal e como se fixo no Concello do que foi rexedor, “a súa capacidade de servizo público”.