Os Premios D.O. Ribeiro recoñecen o bo servizo da hostalería e apoio aos seus viños

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • O organismo entregará os premios Mellor Servizo en Restaurante a Glabistró de Ourense; Mellor Vinoteca-Tenda Especializada a Arjeriz, de Vigo, e Mellor Taberna-Bar de Viños á Cantina do Almacén Concept Store da Coruña
  • A gala, prevista para este xoves 27, será presentada polos coñecidos actores Fede Pérez e Cristina Maró e conta coa colaboración de ABANCA e Galicia Calidade
  • O lema central do evento é ‘Ribeiro: Brindando futuro’ e terá lugar este xoves 27 de xuño na localidade ourensana de Santa Cruz de Arrabaldo

Ourense, 24 de xuño de 2024. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro recoñecerá un ano máis o traballo de tres establecementos hostaleiros aos que premiará tanto o seu bo servizo e profesionalidade, como o seu apoio aos viños da D.O. máis antiga de Galicia. Será o próximo día 27, nunha gala prevista para as 19.00 horas, no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, na que se entregará o Premio Mellor Servizo en Restaurante a Glabistró (Ourense), o Premio Mellor Vinoteca-Tenda Especializada a Arjeriz (Vigo), e Mellor Taberna-Bar de Viños á Cantina do Almacén Concept Store (A Coruña).

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Uns galardóns que se suman aos xa anunciados días pasados, como os do xornalista Fernando Ónega, elixido Persoeiro de Honra; a sumiller Silvia García Guijarro, Head Sommelier do Hotel Mandarin Oriental Ritz, Muller e Viño; o Grupo Gourmets, Mellor Tarefa de Comunicación; a Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, Vida entre Vides, e a Asociación Galega de Enoloxía, Ribeiro en Nós.

A gala, baixo o lema Ribeiro: Brindando futuro, estará presentada este ano de novo polo coñecido actor Fede Pérez, un dos rostros máis recoñecidos do audiovisual galego, acompañado nesta ocasión pola actriz, cantante e modelo Cristina Maró, e conta coa colaboración de ABANCA e Galicia Calidade, entre outras entidades.

Ademais, no transcurso da cerimonia, daranse a coñecer os viños gañadores da Cata Oficial.

GLABISTRÓ. Recoñecido nesta XIII edición dos premios como Mellor Servizo en Restaurante, o gastrobar ourensán que dirixen os brasileiros Álex Pinto (xefe de sala) e Bianca Coura (xefa de cociña) aposta pola cociña de fusión con produto autóctono. Con experiencia en cociñas de Portugal, presentan pratos con base galega e influencias de todo o mundo, con toque mexicanos, chineses, italianos, tailandeses, xaponeses… que tiveron unha gran acollida entre o público. Ademais, da carta e o menú degustación con pratos de tempada, o local celebra con asiduidade xornadas, catas, ceas-maridaxe e eventos a catro mans para compartir con outros chefs de Galicia.

ARJERIZ. Pioneiro nos produtos gourmet na cidade de Vigo, Arjeriz será recoñecido co Premio Mellor Vinoteca-Tenda Especializada. O local, situado na rúa Carral e con máis dun centenar de anos de vida, deu un cambio radical en 1985, cando Juan Antonio Marcote converteu o ultramarinos dos irmáns Rodríguez López nunha tenda especializada en licores e produtos gourmet. Na actualidade, e cos seus fillos Martín e Marcos á fronte, Arjeriz é todo un referente, con especial atención aos produtos galegos e á promoción de almendrados, conservas, queixos, froitos secos…sen esquecer a sección de licores e viños que deulle tanta fama.

ALMACÉN CONCEPT STORE. Situado no antigo laboratorio e almacén da farmacia Villar, na rúa Olmos da Coruña, o Almacén Concept Store, e máis concretamente a súa cantina, foi recoñecido polo C.R.D.O. Ribeiro este ano como Mellor Taberna-Bar de Viños. O local, que dirixe na actualidade Jorge Santos, é un novo concepto que aúna bar, boutique e galería de arte, todo nun, que conseguiu facerse un oco nas guías de lecer da cidade e atraer ao público máis cosmopolita. A súa cantina, pola que é premiado nesta ocasión, reúne unha coidada selección de referencias de viños e licores, que destacan pola súa calidade e variedade.