O novo panorama político afronta mañá xoves a primeira sesión plenaria dende que se fixo efectivo o pacto de goberno entre o PP e o PSOE. Entre os puntos da orde do día está a delegación das capacidades do pleno na xunta de goberno e a distribución das dedicacións parciais e exclusivas e a súa retribución. Tanto este pacto como o reparto económico foi bastante criticado, e dende o novo goberno defenden a súa postura.
En canto ás mocións, a voceira do BNG propón poñer en valor o Camiño dos Arrieiros como roteiro de turismo activo, co obxectivo de promover o desenvolvemento sostible da zona a través do turismo responsable e de calidade. Dende o BNG consideran que o turismo activo e deportivo xera beneficios económicos e sociais para o noso concello.
A formación de Espazo Común presenta dúas mocións para o seu debate. Por unha banda, piden que as piscinas municipais sexan gratuítas para toda a veciñanza. Aseguran que son os veciños deste pobo os que marchan para desfrutar das de Boborás, Cea, Maside, Oira ou Lalín sen ter que pagar entrada algunha. Por parte do PP, aseguran que o custo do mantemento da piscina son 120.000 euros por dous anos de contrato máis outros 5.000 euros de mantemento de zonas verdes. Ademais, rebaten os argumentos de Espazo Común, asegurando que todos os concellos salvo Cea cobran entrada.
Tamén piden a transferencia con carácter urxente do servizo municipal de recadación á Deputación Provincial de Ourense. Destacan que a empresa leva dous anos e medio en precario. Nun dos últimos informes se informaba sobre unha máis ca posible perda millonaria para o Concello por erros na notificación.