As e os socialistas esgrimen que a situación na que se atopa “é pésima, dando unha imaxe de abandono total por parte do concello” e lembran que non fai moito produciuse un grave accidente pola caída dunha árbore, pero tal e como apuntan “nada se fixo”
Lorena Peleteiro afirma que “a situación é extremadamente grave”, motivo polo que lle esixe ao bigoberno do PP e CxG “solucións urxentes que rematen co desleixo que vive a ruta do Barbantiño”
Punxín, 17 de xullo de 2024. O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción para o seu debate en sesión plenaria na que reclama unha mellor limpeza e mantemento da ruta do Barbantiño ao seu paso polo municipio. As e os socialistas tamén reivindican que se inste a outras administracións, no caso de ser preciso, para solicitar a súa colaboración en materia de mellora de seguridade nesta ruta.
Dende o grupo municipal socialista consideran que a ruta do Barbantiño “é un dos grandes referentes de Punxín a nivel turístico”. Falamos dun lugar “ideal” para a práctica do sendeirismo, cun paisaxe natural do que “presumir”. As e os socialistas esgrimen que a situación na que se atopa “é pésima, dando unha imaxe de abandono total por parte do concello”. Tal e como apuntan neste senso “fai non moito tempo produciuse un grave accidente por mor da caída dunha árbore, e a pesar do sucedido, nada se fixo por parte do bigoberno municipal para mellorar a situación”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, explica que á situación de abandono, “súmase a falla de limpeza, como queda en evidencia nalgunhas zonas, nas que nin tan sequera se da camiñado”. A edil socialista tamén apunta ao “grave deterioro” en diversos tramos, nos que as madeiras do sendeiro “atópanse completamente rotas ou en moi mal estado, supondo un perigo para os usuarios e usuarias que realizan esta ruta”.
Peleteiro Vázquez afirma que “a situación é extremadamente grave”, motivo polo que lle esixe ao bigoberno do PP e CxG “solucións urxentes que rematen co desleixo que vive a ruta do Barbantiño”. A voceira socialista acusa ao alcalde, ao tenente do alcalde e ao seu equipo de “falla de ganas e interese por mellorar a contorna e a calidade de vida da veciñanza”.
As e os socialistas denuncian, unha vez máis, que “dende a formación do novo goberno atopámonos con moita publicidade, pero con poucos feitos” e destacan que a ruta do Barbantiño “é o fiel reflexo do que acontece nun concello instalado no máis absoluto desleixo e abandono”.