Manoliño” foi asasinado na madrugada do 27 de xullo de 1937. Impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, presidente da agrupación local socialista e vicepresidente da Deputación
As e os socialistas lembran que aínda non se cumpríu o acordo aprobado por unanimidade (en setembro de 2022) de concederlle a unha rúa céntrica da cidade o seu nome
Ourense, 20 de xullo de 2024. A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense renderá homenaxe a figura do primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez Castro, que foi fusilado polo bando franquista hai agora 87 anos. O acto terá lugar o venres 2 de agosto, ás 19.00 horas, ao pé da igrexa de Santa María Nai e ao carón da Casa Consistorial, como vén sendo habitual.
Nesta ocasión, a lembranza será máis emotiva, se cabe, tralo pasamento da súa filla Dolores Suárez Bretaña (“Lolita”) a finais de 2023, aos 100 anos, e que tamén militou ao longo da súa vida na agrupación municipal do PSOE ourensán.
‘Manoliño’ foi asasinado na madrugada do 27 de xullo de 1937. Impulsor da modernización de Ourense e do ferrocarril nos anos 30, presidente da agrupación local socialista, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caixa de Aforros Provincial e canteiro de profesión. Foi unha das moitas vítimas inocentes que perderon a vida por culpa do golpe de Estado contra o goberno lexítimo da II República.
Os ‘delitos’ que lle costaron a morte a mans dos franquistas foron o de ser alcalde republicano, ser socialista, uxetista e masón. Ata o falecemento de Pablo Iglesias Posse, fundador do partido e sindicato, Manuel Suárez mantivo estreita relación con el. De feito, o seu fillo levou o nome de Pablo en honra a Iglesias, que foi o seu padriño.
Outro dos ourensáns fusilados ese día xunto a ‘Manoliño’ foi Antonio Taboada Novoa, secretario xeral de Juventudes Socialistas de Ourense.