As e os socialistas reiteran que o dirixente de Democracia Orensana actúa como un pequeno dictador e furta á cidadanía a posibilidade de decidir quen debe ser o pregoeiro das súas festas, neste caso en concreto en base a inquinas persoais
Así mesmo, o grupo do PSdeG esíxelle ao rexedor que deixe de actuar como presidente dunha comisión de festas e se adique a gobernar con dilixencia a terceira cidade de Galicia
Ourense, 23 de xullo de 2024. O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense censura que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, vete como pregoeiro das Festas da Ponte ao xornalista de extensa e recoñecida traxectoria nas ondas ourensás, Pepe González, logo de que o mesmo afirmase que o rexedor “se puxo como unha fera” con representantes da comisión de dito barrio “negándose” a que dera o discurso de apertura dos días de celebración.
As e os socialistas reiteran que o dirixente de Democracia Orensana actúa como un pequeno dictador e furta á cidadanía a posibilidade de decidir quen debe ser o pregoeiro das súas festas, neste caso en concreto en base a inquinas persoais e preferencias mediáticas individuais. Así as cousas, lamentan que un orgulloso veciño de A Ponte que é exemplo de calidade humana e compromiso social vexa o seu micro apagado mentres o alcalde sube aos palcos das orquestras continuamente para darse baños de masas.
Así as cousas, o grupo do PSdeG esíxelle ao rexedor que deixe de actuar como presidente dunha comisión de festas e se adique a gobernar con dilixencia a terceira cidade de Galicia. E desexan trasladarlle ao profesional da radio, que non poderá desfrutar da honra de ser pregoeiro, o seu apoio e agarimo.