A Festa do Pulpo potenciará a relación ancestral e a internacionalización dos produtos estrela do Carballiño e O Ribeiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O pulpo do Carballiño sempre estivo vencellando ao viño do Ribeiro e nunca faltou nas mesas do xantar popular que se celebra o segundo domingo de cada mes de agosto. Por iso, e tal e como explicou o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, no acto de presentación que tivo o Museo do Viño de Galicia como escenario singular emprazado en Santo André de Camporredondo, “é de xustiza dedicarlle á Denominación de Orixe esta 62 edición, a terceira que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”.

O edil quixo estender a homenaxe “aos seus protagonistas, os pulpeiros e pulpeiras, viticultores e bodegueiros que souberon perpetuar unhas antigas tradicións e convertelas en símbolos de excelencia gastronómica na Galicia do século XXI”. No acto tamén interviñeron o alcalde en funcións do Carballiño, Pepe Castro; o alcalde de Ribadavia e vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, e a presidenta do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, Concha Iglesias.

Castro explicou que é fundamental seguir potenciando estes produtos e manifestou o “gran orgullo que supón a unión entre O Carballiño e O Ribeiro” e manifestou a intención de seguir loitando para que a festa, que conta dende o 2022 coa declaración de interese turístico internacional, siga medrando.

O rexedor de Ribadavia e vicepresidente da Deputación subliñou a importancia de “institucionalizar a relación ancestral entre o pulpo do Carballiño e o viño do Ribeiro e que estas dúas comarcas vaian da man polos recursos que temos en común, que nos converten en destino único”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Concha Iglesias agradeceu ao Concello do Carballiño que tivera en conta ao viño do Ribeiro, porque “co pulpo non hai mellor maridaxe” e engadiu que esta festa é un lanzamento ao exterior, “unha forma de patrocinarnos de xeito internacional”.

No acto de presentación tamén se puxo en valor a simboloxía do cartel da Festa do Pulpo deste ano, no que a artista carballiñesa Ari Quintas mestura un acio de uvas nunha tapa de talladas de pulpo, como unha representación da simbiose que existe entre ambos produtos. Os asistentes á presentación tiveron ocasión de probar o exquisito pulpo de Carballiño nos exteriores do Museo do Viño de Galicia, xa que ata o lugar se desprazou unha pulpeira.

Seis bodegas participarán na Mostra de Viños

A programación desta edición  da Festa do Pulpo ten moi resente aos bodegueiros e por iso organizouse a Mostra de Viños que terá como escenario a Praza Maior do Carballiño os días 3 e 4 de agosto en horario de 12.00 a 21.30 horas. Contarase coa participación de 6 bodegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes.

A música tamén será un dos pratos fortes do programa. En total, ao longo dos 15 días de festa actuarán una quincena de grupos de música folk e tradicional, sen contar os de outros estilos musicais. Entre eles destacará a de Óscar Ibáñez & Tribo, unha das bandas de folk máis destacadas de Galicia e que presentará o espectáculo Tribal 20 para celebrar dúas décadas de traxectoria.

Será o día 6 de agosto cando chegue un dos momentos máis esperados: os pulpeiros e pulpeiras intentarán bater un ano máis o recórd da tapa máis grande do mundo, a partir das 19.00 horas. E para do día grande, o 11 de agosto, programáronse actuacións musicais no Parque Municipal dende as 11.00 horas.  Para o xantar popular poranse as entradas á venda mañá, a partir das 9.00 horas nas oficinas municipais. O prezo de cada unha é de 45 euros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------