O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de dar a razón ao Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra incendios e de salvamento, diante do recurso contencioso-administrativo interposto pola CIG contra o expediente de contratación do servizo de intervención en emerxencias, declarando que non existe vulneración algunha dos dereitos dos traballadores.
Nunha sentenza ditada na sección segunda da sala do contencioso-administrativo do TSXG, con data de 17 de xullo, este tribunal ven de estimar na súa totalidade o recurso de apelación interposto polo Consorcio, contra unha sentencia anterior do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Ourense, revogando a mesma.
A sentenza do alto tribunal galego sinala que os pregos que rexían na licitación do citado expediente de contratación se adaptaban plenamente á legalidade. En particular no relativo ás condicións laborais dos traballadores, as cales, segundo este fallo e ao tratarse de competencias de carácter organizativo, “queren ser garantidas para unha axeitada xestión do servizo público pola Administración”, recolléndose as mesmas no prego de cláusulas administrativas da referida contratación, e declarando que non existe vulneración ningunha do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
O presidente do Consorcio, Pablo Pérez, amosou o seu respecto polo fallo xudicial que, segundo declarou, “non só reafirma a transparencia dos procedementos que pon en marcha a Deputación de Ourense e a legalidade dos mesmos, senón tamén o escrupuloso respecto aos dereitos dos traballadores do servizo”.