Luis Menor recibe na Deputación aos rapaces e rapazas saharauis que están a pasar o verán na provincia dentro do programa “Vacacións en paz”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial destacou que a provincia de Ourense é unha das máis solidarias no marco deste programa que vén desenvolvendo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui desde hai 35 anos: “Grazas ás familias que adicades o verán a atender e coidar destes nenos e nenas. Sodes un orgullo para a nosa provincia”

O presidente da Deputación, Luis Menor, recibiu esta mañá no salón de plenos do Pazo Provincial aos 35 nenos e nenas saharauis que están a pasar o verán na provincia, dentro do programa “Vacacións en paz” que desenvolve desde hai 35 anos a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

De feito, o presidente provincial comprometeu a colaboración da Deputación con este organismo debido ó seu labor humanitario.Menor interesouse pola estadía das rapaces e rapazas na provincia e destacou o fondo carácter solidario da provincia, pois durante os 35 anos que vén existindo o programa “Vacacións en paz”, case todos os concellos ourensáns tiveron nalgún momento a presenza dun neno ou nena saharaui no seo das súas familias. “Grazas ás familias que vos involucrades e adicades o verán a coidar destes nenos e nenas. Sodes un orgullo para a nosa provincia”.

O principal obxectivo deste programa é o de trasladar a nenos/as,  nados no medio dun clima de guerra,  procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias dos Concellos de Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Trátase de propiciarlles unha estancia agradable e ofrecerlles, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non só na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharaui.Ademais dos rapaces e rapazas saharauis e as súas familias acolledoras, no acto participaron tamén a deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres; Maite Isla, presidenta da Asociación Solidaridade Galega do Pobo Saharaui; e o delegado desta ONG en Ourense, Juan Fraga.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------