Ribeiro en Común volve reivindicar nunha Moción que a XUNTA rehabilite a ponte de San Francisco.
A Conselleira e o alcalde nada declararon da situación da Ponte de San Francisco nin do Polígono Industrial, ambos proxectos moi demandados que continúan a ser ignorados pola XUNTA.
TEMOS PRESENTADA UNHA NOVA MOCIÓN PARA QUE O CONCELLO CONSIGA O ARRANXO E REHABILITACIÓN DA PONTE DE SAN FRANCISCO, TITULARIDADE DA XUNTA.
Ribadavia 6 de setembro.
Reclamámolo na oposición, intentámolo no goberno de coalición, e seguimos a demandalo agora.
A Ponte de San Francisco é titularidade da Xunta, sendo polo tanto a Consellaría de Infraestruturas a máxima responsable da súa conservación, mellora e rehabilitación. O cal non é tampouco óbice para que o Concello de Ribadavia non teñamos a nosa cota de responsabilidade, fundamentalmente na súa limpeza, mantemento e sobre todo reclamación e demanda á Xunta de Galicia, como titular da mesma.

Visita da Conselleira titular da Ponte.
A Conselleira e o alcalde xuntáronse para anunciar por terceira vez o que xa todos sabemos, que os inmobles adquiridos pola Xunta en 2021 e 2022, co anterior goberno de coalición no Concello de Ribadavia, continúan o seu proceso dentro do Programa REXURBE. Volveron anunciar onte por terceira vez que o edificio de García Boente vai ser licitado para a súa rehabilitación.
Sendo unha moi boa noticia, anunciada mesmo no anterior mandato, desde Ribeiro en Común agardabamos máis da visita da Conselleira con grandes débedas históricas e proxectos bloqueados pola Xunta en Ribadavia como a Ponte de San Francisco ou o Polígono Industrial.
A de San Francisco é unha ponte histórica.
Denominada a ponte do burgo, aparece en documentos do XIII, tivo importantes modificacións no XVII e sobre todo a mediados do XIX, cando se trazou o paso da estrada xeral “Vigo- Villacastín”, e que lle dá o seu aspecto moi próximo ao actual.
O seu estado é moi malo e urxe unha mellora. A súa historia e importancia actual, ademais de estar no centro da rúa principal de Ribadavia, continúa sendo unha arteria comunicativa principal. Sen embargo, esta importancia en todos os seus aspectos nunca foi abordada como se merece por parte da Administración autonómica.
Sen embargo, outras pontes si foron arranxadas con investimentos importantes na nosa comarca por parte da Xunta.
Reforzo da súa seguridade, limpeza, adaptación a normativa vixente do cableado e tubaxes que soporta, e realización dun Proxecto para a súa rehabilitación e adaptación ao século XXI, mantendo a súa esencia e beleza.
Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:
1. Que o Concello de Ribadavia demande a Xunta a súa rehabilitación.
2. Que o Concello de Ribadavia demande a colaboración da Deputación neste Proxecto.