O Psdeg-Psoe de Viana insta ao concello a que se manifeste en contra da suba do canon de Sogama e que se aposte por unha xestión de residuos máis respectuosa coa contorna

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

“A suba ten que ver coa obsoleta xestión que Sogama fai dos residuos, non tendo mudado o modo en que trata os refugallos desde 2010, malia as advertencias”, afirma Germán García-Ávila Arias

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Segundo este, “amais de incumprir cos obxectivos de redución e reciclaxe, a Xunta prexudica ao concello de Viana e a veciñanza ao aumentar os custos, co dano que implica para as súas finanzas”

Viana do Bolo, 12 de setembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro día 19 de setembro na que insta a evitar a suba do canon que pagan os concellos adscritos á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). As e os socialistas tamén esixen a adopción de medidas concretas para avanzar cara novas fórmulas de xestión de residuos máis respectuosas coa contorna.

O consello de administración de Sogama aprobou o pasado 25 de xuño unha “actualización do canón” que factura a 295 concellos galegos pola xestión do seu lixo, pasando a cobrar 66,01 euros por tonelada recollida e anunciando unha suba até os 78 euros por tonelada para o vindeiro exercicio 2025. A Consellería de Medio Ambiente imputa o incremento a “sobrecustos derivados de impostos estatais”, cando o certo é que a planta de Sogama en Cerceda afronta millonarios sobrecustos por mor de privilexiar a incineración (60%) e depósito en vertedoiro (21%), que son as fórmulas menos sustentábeis medioambientalmente, asumindo deste xeito a totalidade das cargas impositivas que, en último termo, derivan dunha directiva europea.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que a moción busca “esixir que o concello inste á Xunta de Galicia ao mantemento do canon actual que pagan os concellos, que é de 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, amais de salvagardar a bonificación do 15%, resultando un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada”.

O voceiro socialista tamén pon o foco en que este incremento “afectará de xeito moi notorio á veciñanza, posto que lles repercutirá nos recibos que pagan, cun aumento das contías nun 40 ou 50%”. Neste senso afirma que, unha vez máis, “a veciñanza sairá prexudicada por mor das decisións de Alfonso Rueda e o Partido Popular”.

“A suba ten que ver nomeadamente coa obsoleta xestión que Sogama fai dos residuos, non tendo mudado un ápice o modo en que trata os refugallos desde 2010, malia as continuadas advertencias”, afirma García-Ávila Arias. A Xunta e Sogama non estarían a respectar as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos, o cal redunda nun incremento no pagamento de taxas.

“Requirimos que o Concello de Viana se sume a outras administracións e interpele con urxencia ao goberno autonómico porque, amais de incumprir cos obxectivos de redución e reciclaxe establecidos, prexudica directamente aos concellos ourensáns ao aumentar os custos que teñen que asumir pola recollida de lixo, co dano que implica para as súas xa de por si malparadas finanzas”, finaliza Germán García-Ávila Arias.