Luis Menor destaca o extraordinario desenvolvemento do sector vitivinícola ourensán, “cun gran pasado, un presente moi importante e moito mellor futuro”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Na visita aos traballos de vendima da adega Ladairo, na Denominación de Orixe Monterrei, o presidente provincial subliñou o desenvolvemento experimentado polos sectores produtivos ourensáns, “con máis profesionalidade e dando un salto cualitativo con persoas como o fundador desta adega, que creu na regulación e no control para prosperar, e que agora segue a segunda xeración cunha empresa senlleira”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 14 de setembro de 2024.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou hoxe o extraordinario desenvolvemento do sector vitivinícola ourensán, “cun gran pasado, un presente moi importante e moito mellor futuro”. O presidente provincial fixo estas declaracións durante a visita que realizou este mediodía aos traballos de vendima da adega Ladairo (Oímbra), na Denominación de Orixe Monterrei, e na que acompañou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e á conselleira do Medio Rural, María José Gómez. 

O presidente da Deputación tivo palabras de recoñecemento para o fundador de Ladairo, José Luís Vaz, a persoa que hai case 45 anos decidiu poñer en marcha esta adega e que foi ademais un dos impulsores da Denominación de Orixe Monterrei. Unha traxectoria que agora prosegue Víctor López, “que co seu traballo nos mostra o camiño a seguir”.

Destacou o presidente provincial o desenvolvemento experimentado polos sectores produtivos ourensáns, “con máis profesionalidade e dando un salto cualitativo con persoas como o fundador desta adega, que creu na regulación e no control para prosperar, e que agora segue a segunda xeración cunha empresa senlleira”.

Luis Menor puxo a Ladairo como exemplo “do talento e do potencial que temos en Ourense, con persoas moi implicadas e moita iniciativa”.

Un labor do que, ademais, subliñou a cooperación público-privada, que no caso da Deputación de Ourense “céntrase na colaboración cos consellos reguladores para axudar no seu funcionamento e para promover accións de internacionalización dos nosos viños”.