A obra está baseada nunha coñecida historia da Serra do Courel “lenda da loba branca”, un relato curto que narra a complicada relación entre unha manada de lobos e as aldeas veciñas
A representación terá lugar o 27 de setembro, ás 21.00 horas
Ourense, 16 de setembro de 2024.
O Teatro Principal da Deputación de Ourense acollerá a estrea, en versión orixinal en galego, da ópera de Brais González “A Loba Branca”, que foi estreada no ano 2022 en Italia. Os espectadores poderán gozar desta obra, o vindeiro 27 de setembro ás 21.00 horas, que está baseada nunha coñecida historia da Serra do Courel “lenda da loba branca”, un relato curto que narra a complicada relación entre unha manada de lobos e as aldeas veciñas.
A través desta historia, Brais González trata nesta ópera temas de gran relevancia como as complicadas relacións coa contorna natural, o respecto á natureza, a honra ou a vinganza.
A obra foi presentada hoxe polo director da área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez; a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; o coordinador da xornada “A música ten ondas como o mar: A Música e Vicente Risco”, Xosé Rodríguez; o guitarrista, investigador e coordinador das xornadas, Samuel Diz; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.