O aumento dos recursos destinados a este programa consta nun dos tres expedientes de modificación de crédito aprobados hoxe pola Corporación provincial no pleno ordinario de outubro
As modificacións, por importe de 16,1 millóns de euros, posibilitan o financiamento de novos proxectos tanto en cooperación con entidades locais como con asociacións e colectivos de diversos ámbitos
Aprobouse unha nova ordenanza de taxas para a recollida de residuos, onde se inclúen cotas reducidas en función da colaboración do cidadán na xestión dos residuos
No capítulo de propostas saíron adiante mocións relativas á reforma e actualización do catastro; a disolución do Inorde; esixir máis celeridade na renovación das vías de comunicación, por estrada ou ferroviarias, entre Ourense e Lugo; e contribuír á mellora das condicións das farmacias do rural da provincia
Ourense, 25 de outubro de 2024.
A Deputación de Ourense ampliará ata os 7 millóns de euros o plan de mantemento da rede provincial de estradas grazas á incorporación de 2,5 millóns máis a este programa, co que se traballa na mellora, incremento da seguridade e comodidade dos usuarios dos 1.850 quilómetros de vías de titularidade provincial.
O aumento dos recursos destinados a este plan consta nun dos tres expedientes de modificación de crédito aprobados hoxe pola Corporación provincial e incluídos na orde do día do pleno ordinario do mes de outubro, modificacións que por importe de 16,1 millóns de euros posibilitan o financiamento de novos proxectos tanto en cooperación con entidades locais como con asociacións e colectivos de diversos ámbitos.
No expediente de modificación de crédito onde se inclúe a ampliación do plan de estradas figura tamén a liquidación da débeda de 1,5 millóns de euros que lle corresponde afrontar na sociedade Meisa, encargada da xestión da estación de montaña de Manzaneda, de tal xeito que no futuro podan centrarse os esforzos na mellora e competitividade deste espazo natural e de ocio, favorecendo ademais a desestacionalización da actividade máis aló da súa condición orixinal como estación de esquí.
Mediante senllas emendas da presidencia, neste punto aprobouse incluír un suplemento de crédito por importe de 1,2 millóns de euros para facer fronte á unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do Concello de Nogueira de Ramuín, fallo que ten a súa orixe nunhas obras realizadas polo eléctrica Iberdrola.
A segunda emenda supón conceder un crédito extraordinario por importe de 300.000 euros para que o Concello de Taboadela poda afrontar a reforma da casa reitoral para casa da cultura.
En cooperación coas entidades locais, a modificación de crédito reserva algo máis de 7,2 millóns para investimento e gasto corrente. Máis de 6,5 millóns distribúense entre todos os concellos da provincia para investimentos, mentres que para financiar operacións correntes destínanse máis de 588.000 euros.
Tamén está presente nesta modificación de crédito a colaboración con outras entidades que teñen entre os seus obxectivos a cultura, a formación, o deporte ou a promoción económica, para o que se reservan máis de 1,4 millóns en concepto de gasto corrente e investimento.
Logo deste expediente de modificación de crédito tamén aprobouse a modificación da base novena que rexe no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais de 2024, cambio que establece a ampliación da xustificación do programa de investimento dos concellos, pasando do 15 de novembro ao 29 do mesmo mes.
Tarifa do lixo segundo pago por xeración
Entre os acordos adoptados neste pleno figura tamén unha nova ordenanza fiscal provincial reguladora das taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos de competencia local e de puntos limpos da provincia de Ourense.
Máis aló de que resulte obrigado repercutir nesta taxa a totalidade dos custos do servizo, a lei establece que se comecen a sentar as bases para unha nova estrutura de tarifas, nas que o usuario pague en función da cantidade de residuos que xera (pago por xeración). Esta fórmula non só require de importantes investimentos; tamén cambios nos hábitos da cidadanía.
A nova ordenanza fixa un primeiro paso cara este proceso establecendo unha tarifa base para todos os usos domésticos, con cotas reducidas en función da colaboración do cidadán na xestión dos residuos. Así, aquelas persoas que utilicen o punto limpo con frecuencia, cando menos dúas veces por ano, terán unha redución do 10 % na taxa. Aqueles que acrediten que compostan, doméstico ou comunitario, gozarán dun desconto do 30 %. Ambas reducións serán acumulables.
Paras as actividades comerciais haberá tres posibilidades. Unha é a tarifa ordinaria pública (por actividade e superficie) e dúas opcións máis como alternativa a esta taxa: o uso de contedores exclusivos para o tipo de actividade do comercio, pagando segundo capacidade, ou contratar o servizo cun xestor privado, dándose de baixa no servizo público.
Engadir que o cobro anual pasa a ser trimestral, de modo que habería catro recibos ao longo do ano. Neste sentido, a nova ordenanza establece que a taxa pasa a ter carácter provincial, o que implica que será a Deputación a que emita os recibos e recade este imposto nos 59 concellos (catro máis neste ano) que teñen delegada na institución provincial esta competencia.
Ademais, a Corporación provincial tamén acordou a adhesión da Deputación de Ourense, con efectos do 1 de xaneiro de 2025, ao “Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”, asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia e unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades norte-sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.
Mocións aprobadas
No capítulo de propostas, aprobouse unha moción na que se insta ao Goberno de España a facer unha profunda reforma e actualización do catastro, no prazo máximo de catro anos, co fin de axilizar e simplificar os trámites á veciñanza.
Entre as propostas aprobadas figuran campañas para incentivar á cidadanía a regularizar as súas terras; ampliar o orzamento e persoal do Catastro para axilizar trámites, tamén implantando un sistema unificado entre o Catastro e o Rexistro da Propiedade. Pídese ademais que a Xunta de Galicia inicie conversas co Estado para o traspaso ou transferencia da xestión do catastro inmobiliario, mediante un convenio entre as dúas administracións, tendo en conta ademais que a situación de Galicia defire notablemente da do resto do Estado.
Tamén foi aprobada unha moción na que se insta á Deputación á disolución do Inorde e que os departamentos e servizos da Corporación provincial asuman as misións e proxectos que desenvolve o Instituto de Desenvolvemento Económico de Ourense, do mesmo xeito que asumiría a integración do seu persoal nos departamentos acaídos da Deputación en función dos seus perfís e experiencia profesional.
Noutra iniciativa aprobada pídese ao Goberno de España que acelere a renovación das vías de comunicación, por estrada ou ferroviarias, entre Ourense e Lugo. Preténdese evitar o trastorno que lle supón aos usuarios facer en autobús parte do traxecto do corredor ferroviario entre ambas cidades debido ao retraso nas obras nesta liña. Ademais de reclamar axilidade na execución das obras na N-540 e que sexan declaradas de urxencia polo estado no que se atopa esta vía, pídese tamén licitar no primeiro trimestre de 2025 o proxecto de carrís adicionais da N-120 entre Os Peares e Ourense. Por último, solicítase activar as obras na autovía A-56 (Ourense-Lugo), licitando o tramo Quintela-A Casilla e poñendo fin á paralización do tramo Cambeo-Sanmartiño.
Neste apartado de propostas acordouse contribuír á mellora das condicións das farmacias do rural da provincia de Ourense, co fin de garantir a súa viabilidade e estabilidade. A moción establece que a Deputación incentive e facilite a conclusión de convenios entre establecemento sociosanitarios con necesidades de medicamentos e produtos sanitarios, para que realicen as súas compras nas farmacias do propio concello.
A última moción aprobada refírese a Sogama, solicitando á Xunta de Galicia que aclare cal é o canon por tonelada de rexeitamento entregada polos Concellos para o ano 2025, de tal xeito que estes podan elaborar as ordenanzas fiscais de residuos en condicións de seguridade xurídica, ademais de pedir a creación dun fondo específico de axudas á mellora na sustentabilidade da xestión dos residuos en Galicia.
A proposta inclúe esixir á Xunta e o Estado a posta en marcha dos regulamentos e ordes que permitan facer realidade os obxectivos da lei de residuos e chans contaminados para unha economía circular. Ao Goberno galego tamén se insta a buscar solucións de proximidade para as distintas fraccións do lixo, mentres que á Deputación e os concellos con xestión propia solicítanse campañas de concienciación na redución, reutilización, separación e reciclaxe dos residuos, ademais de servizos de inspección.