Unha ampla representación do alumnado da Aula Municipal de Teatro de Ribadavia encheu o salón de plenos do Concello para mostrar unha vez máis a súa desconformidade ante a decisión unilateral tomada polo actual equipo de goberno, pola cal se decidiu cambiar a dirección e o proxecto pedagóxico da mesma.
Esta mostra reivindicativa non foi a primeira. Tras a dimisión da docente e directora o 2 de agosto, o alumnado e as súas familias, previa solicitude, mantiveron unha reunión o 11 de setembro cos responsables da área de Cultura do Concello para recibir información respecto ao procedemento que se fora xestando durante meses, ademais de aportar propostas de conciliación entre todas as partes afectadas, as cales non foron aceptadas por parte do Concello.
No pleno, celebrado o 26 de setembro, debateuse a viabilidade e mantemento da Aula Municipal de Teatro tal e como se viña desenvolvendo desde o seu inicio no ano 2019. Nas intervencións da oposición e da directora Rosa Puga, saíron á luz datos fidedignos que demostran que, dos 18.000€ que o grupo de goberno presenta como oferta para un contrato menor a quen tome o proxecto da escola, case a súa totalidade se mantén coas cotas que pagaron os 74 alumnos e alumnas ao longo do último curso. Este feito evidencia que a aula ten viabilidade absoluta e que podería seguir crecendo se o Concello optase por tomar medidas de apoio, tales como un concurso público ou a busca de axudas externas que permitan o crecemento da aula tal e como se viña facendo ata agora. Tal e como informou Rosa Puga no pleno, o propio alcalde, César Fernández, comprometeuse no mes de febreiro a sacar a xestión da aula a concurso público. Non obstante, no mes de xullo, a única opción ofrecida polo rexedor foi o contrato menor mencionado, cuxo importe non cobre as necesidades actuais da aula.
Sen embargo, o actual goberno municipal fixo oídos xordos ante propostas presentadas tanto pola comunidade educativa, como polo BNG e Ribeiro en Común a través das súas mocións no pleno, as cales poderían supoñer un mellor augurio para o futuro da aula. Desta maneira, e a pesar de que as cotas se manteñen igual que o curso pasado, o servizo queda recortado de 11 a 7 grupos e na oferta actual non se inclúen nin as prácticas escénicas nin os monográficos con profesorado especializado externo que se viña dando en ano anteriores.
O alumnado amosou a súa total indignación ante a situación actual. Os recursos da aula recórtanse e, con eles, déixase atrás a Rosa Puga, unha excelente profesional cun amplo currículo e experiencia activa na arte dramática, optando por unha nova dirección que provén do mundo amateur e que non presenta unha traxectoria equiparable á docente anterior.
Ribadavia é capital de teatro, pero queremos que se demostre investindo en medidas que aseguren a súa calidade e o seu mantemento no tempo para as xeracións vindeiras.
Inicio Actualidade Alumnado da Aula Municipal de Teatro de Ribadavia maniféstase contra recortes e...