O congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas ábrese con máis de medio centenar de asistentes

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Casa da Cultura do Carballiño acolleu esta mañá o acto de apertura do ‘XIII Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas’, que se celebrará ao longo de toda a fin de semana na sede deste colectivo de investigadores, a Casa da Bexanca, na parroquia de Cabanelas, e na adega Pazo Tizón, en Moldes, Boborás. Baixo o epígrafe “Historia, arte e arquitectura relixiosa nas comarcas de O Carballiño e O Ribeiro”,  nesta edición preséntanse un total de 22 ponencias e comunicacións, ademais doutras actividades nas que participan máis de medio centenar de congresistas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ao acto inaugural asistiron os alcaldes do Carballiño, Francisco Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias, que acompañaron ao presidente do Centro de Estudios, Carlos Rodríguez, que deu paso á proxección do documental “O andar da pedra”, elaborado polo departamento de audiovisuais do IES Chamoso Lamas. A continuación, presentáronse as ponencias “Fondas e tabernas rurais, centros de difusión e animación patrimonial. Rexistro e localización no entorno de Froufe e Espiñeira (O Irixo)”, por parte de Alicia González Barreiro, e “Os palcos da música na comarca do Carballiño: tipoloxía, funcións, conservación, integración”, de Esteban Decabo.

A sesión matinal pechouna o profesor Miguel García co seu relatorio sobre “Os seres vivos e as variacións climáticas”, na que refrexa o impacto que a meteoroloxía ten sobre animais e prantas.

Os congresistas fixeron pola tarde un percorrido pola exposición fotográfica “O Carballiño e O Ribeiro no obxectivo de Chamoso Lamas”, instalada no Auditorio Manuel María. Na xornada de mañá, terá lugar unha excursión a Mondaríz Balneario para realizar unha visita guiada polas edificacións de Antonio Palacios nesta vila termal. Haberá un autobús gratuito para o desprazamento das persoas interesadas, que sairá da rúa Evaristo Vaamonde ás 9,00 horas e que regresará ao mesmo lugar sobre as 13,30 horas. As ponencias da tarde levaranse a cabo pola tarde na Casa da Bexanca.