Desde a formación nacionalista reclaman información ao Executivo galego sobre cando van rematar os traballos dun proxecto “incompleto e que carece de todos os informes sectoriais precisos, motivo polo cal A Dirección Xeral de Patrimonio da propia Xunta impide que os traballos continuen”
Ourense, 11 de outubro de 2024. Esta mañá compareceron en rolda de prensa o Portavoz do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense Luís Seara e o deputado no Parlamento de Galiza Iago Tabarés. O motivo da mesma non era outro que advertir da paralización das obras da tan “cacarexada” senda peonil que a Xunta de Galiza está a executar en Ourense e inxerida dentro do eixo de mobilidade sostíbel, sendo o importe de licitación de 3.893.163,49 de euros, IVE incluído.
O deputado Iago Tabarés, comezou lembrando que o 24 de marzo de 2023 a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade acordou a licitación da construción do treito Os Remedios – Expourense, senda do Barbaña en cuxo proxecto de construción consta expresamente que previamente ao comezo das obras, “presentaranse ante a Dirección Xeral de Patrimonio os itinerarios planificados en obra para minimizar os impactos sobre o Camiño de Santiago e os seus usuarios así como que será necesario presentar ante a DXP a actuación a levar a cabo no estribo na súa marxe dereita da Ponte Romana para obter a súa aprobación”.
Iniciada a execución da obra de construción no seu treito do Barbaña e estando a piques de vencer o prazo pactado para o seu remate, Tabarés sinala que “a situación actual é a paralización das obras sen que conste, oficialmente, o motivo que xustifique a mesma. A paralización das obras provoca un evidente prexuízo para a cidadanía que ve limitadas as súas posibilidades de transito e circulación tanto pola propia ocupación do dominio público, como polas instalacións provisorias relacionadas coas obras”.
Segundo a información á que puido ter acceso o BNG así como as informacións publicadas indican que dita parálise débese á falta do preceptivo informe da Dirección Xeral de Patrimonio que valide o proxecto no seu treito entre a Ponte Vella, na zona dos Remedios e a súa conexión co paseo do Barbaña en Avilés de Taramancos, feito que os nacionalistas consideran de “enorme gravidade pois é a Xunta quen paraliza unha obra da propia Xunta por carecer dos informes preceptivos e necesarios”.
Tabarés anunciou que “desde o Grupo parlamentar do BNG vimos de formular unha batería de preguntas para a súa resposta na Comisión 2ª e encamiñadas a coñecer que é o que está a acontecer coa execución das obras, se se van cumprir os prazos inicialmente establecidos así como se se vai impór algún tipo de penalización por dito atraso e se se vai asumir algún tipo de responsabilidade”.
Dimisión Concelleiros de Urbanismo e Seguridade Cidadá.
Pola súa banda, o Portavoz municipal Luís Seara, aproveitou para esixir o cese inmediato do Concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense e a dimisión do Concelleiro de Seguridade. Desde o Grupo municipal do BNG entenden que coñecido parte do atestado policial relativo o accidente sufrido por Francisco Lorenzo “faise imposible a súa continuidade na Corporación municipal” polo que esixen a súa “dimisión ou cese inmediato”. Ao tempo, esixen igualmente a dimisión do Concelleiro de Seguridade Cidadá por “ter ocultado os feitos sendo coñecedor dos mesmos”.
O seu Portavoz Luís Seara lembra que “de xeito reiterado temos pedido información ao Concelleiro de Seguridade Cidadá sobre o acontecido e máis recentemente sobre cales eran as conclusións do atestado e ao longo de todos estes meses o único que se nos deron foron escusas e evasivas”, e engade, “agora, coñecido parte do informe sabemos o porqué”.
Seara fai referencia a parte do atestado coñecido no día de hoxe e no que se relata como os familiares máis directos de Lorenzo imediron que os axentes actuantes o puideran entrevistar no seu propio domicilio xa que “saíra de festa cuns amigos e bebera en exceso”. No atestado recóllese que os pais de Lorenzo “non foron nada colaboradores, entorpecendo coa súa negativa a entrevista co seu fillo”.
Para o Grupo municipal do BNG o máis importante e motivo polo cal piden a dimisión ou o cese inmediato de Lorenzo é polo feito de que “os axentes actuantes conclúen que conducía baixo os efectos do alcol e con manifesto desprezo á vida dos demais”. Luís Seara é rotundo ao afirmar que “é absolutamente inxustificable e non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis polo que ou ben presenta a súa dimisión ou o Alcalde está obrigado a cesalo de inmediato”.
Desde a formación nacionalista tamén solicitan a dimisión do Concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Fernández xa que, “ao longo de todo este tempo no que desde a Oposición se pediron explicacións sobre o acontecido e mesmo coñecer cales eran as conclusións do atestado, o único que recibimos foron escusas, evasivas ou silencio. Agora entendemos os motivos o que o convirte en cómplice dunha conducta absolutamente indefendible”.
No BNG teñen claro que o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome “é igualmente cómplice pois estamos seguros que coñecía o acontecido desde o primeiro momento e non tivo o valor, non sabemos porqué aínda que o podemos intuir, de cesar a Lorenzo en todo este tempo pese a uns feitos de extrema gravidade xa que todas e todos coñecemos as consecuencias que ten conducir baixo os efectos do alcol”.
Mensaxe ao PP.
Luís Seara sinala ao Populares xa que entende que “todo o que está acontecendo debémosllo ao PP xa que non tivo ningún reparo, a pesar de coñecer os audios e o proceder de Jácome, de investilo novamente como Alcalde do Concello de Ourense en xuño de 2023”.