O Plan de Sostibilidade Turística para o municipio do Carballiño, que ascende a un investimento total dun millón de euros, inclúe actuacións como a ampliación do paseo fluvial do Arenteiro dende a contorna da Ponte Veiga ata O Bañiño de Arcos, cun orzamento de 75.000 euros, e a reconstrucción do muíño e da maquinaria do futuro Museo do Papel de Galicia, cun investimento de 165.000 euros. Ademais, realizarase unha intervención de saneamento da masa forestal do Parque Municipal e contorna do río Arenteiro, cunha partida de 150.000 euros, mentres no camping municipal acometerase a instalación de sistemas de subministro con enerxía solar e de eficiencia térmica, con 145.000 euros. Por outra banda, destaca o destino de 60.000 euros para o proxecto de visibilización da actividade das pulpeiras e doutros 45.000 á creación dun produto turístico de base enogastronómica, coa colaboración da Asociación de Pulpeiros do Carballiño.
Por outra banda, e dentro da mesma planificación, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, apuntou que en vindeiras datas dará comezo o proceso para a licitación dos traballos de instalación do novo alumeado da contorna do templo da Veracruz, que ascenden a un orzamento aproximado de 100.000 euros. O proxecto, elaborado pola empresa Auditesa e que contará con un sistema de aforro enerxético con luz led, xa foi supervisado pola Dirección Xeral de Patrimonio e dispón de tódolos permisos necesarios para a súa execución.
O novo alumeado e iluminación artística do templo e da praza da Veracruz é un dos primeiros proxectos que xa ten no seu poder o Concello do Carballiño, e que, xunto con instalacións semellantes na antiga igrexa parroquial e na Praza Maior suporán un investimento de 150.000 euros.