Rematou a vendima e centos de persoas ás que non lles recolleron ou malvenderon a uva seguen abandonados pola Xunta
Máis dunha cuarta parte da produción da uva tinta da DO quedou este ano sen vendimar: case dous millóns de quilogramos
Chantada, 23 de Outubro 2024.A vendima rematou e as viticultoras e viticultores que deixaron as uvas sen vendimar, ou que malvenderon a prezos moi baixos a particulares, ou que fixeron viño por non deixar as uvas sen vendimar, non coñecen a estas alturas ningunha medida que se puxera en marcha na Denominación de Orixe Ribeira Sacra para mellorar a súa situación, máis alá dunhas escasas e tardías axudas para a destilación e unhas axudas futuras e incertas para a preservación da paisaxe que polo dagora nin sequera foron convocadas.
Unha vez máis, como vimos facendo insistentemente dende fai meses, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLLL) voltamos apelar ás distintas administracións e entidades con responsabilidade e/ou capacidade de actuación e xestión desta DO.
Nesta ocasión dirixímonos unha vez máis á desaparecida Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, para reiterar a solicitude de convocatoria por parte da Consellería dunha mesa de traballo na que esteamos presentes todos os actores da Denominación de Orixe, ou polo menos que fagan pública e coñezamos a suposta “folla de ruta” para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, da cal non nos consta existencia algunha máis alá do seu oportuno anuncio a través dos medios de comunicación nun momento no que o sector se estaba mobilizando.
Explicámoslle tamén á Conselleira Gómez que rematada a vendima na D.O. Ribeira Sacra, os datos publicados polo Consello Regulador constatan unha diminución de vendima nas uvas tintas de 1.780.408 quilogramos. Para unha Denominación pequena como esta, esta diminución supón máis dunha cuarta parte con respecto ao 2023, case un 27%. Esta cifra supera as peores previsións, dado que este ano houbo unha boa colleita e, polo tanto, en ningún caso inferior a de anos anteriores: máis de 6 millóns de quilos nos anos 2021, 2022 e 2023.
Se a isto lle sumamos que estamos vendo nas grandes superficies de distribución viños a moi baixos prezos coa contraetiqueta da Ribeira Sacra, cada vez resulta máis difícil ver un futuro para as viticultoras e viticultores, nin para a Denominación de Orixe no seu conxunto.
Estas mesmas consideracións foron trasladadas igualmente por carta á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellaría.
Así mesmo, dirixímonos aos 19 concellos da DO (A Peroxa, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Manzaneda, Monforte, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Pobra de Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada), para pedir aos seus alcaldes e alcaldesas que insistan na necesidade de establecer medidas reais, claras e que se coñezan xa. Os anuncios que se quedan só niso, en simples anuncios, o único que provocan é un maior desánimo das persoas afectadas.
A vendima do ano que ven empézase a finais deste ano polo que, se a Xunta de Galicia segue sen tomar ningunha medida, van quedar cepas sen podar. As viticultoras e os viticultores son perfectamente conscientes de que, no caso de que a uva se recolla para o ano, os prezos moi baixos deste ano van marcar a tendencia do ano que vén. Tamén saben que as adegas van recoller cantidades semellantes ás deste ano, polo que a igual produción no 2025, o problema vai ser exactamente o mesmo.
Dende o Sindicato Labrego Galego cuestionámonos por que, malia terse alertado desta situación dende moito antes do inicio da vendima, a Consellaría do Medio Rural estivo ignorando durante meses esta situación, e só baixo a presión das mobilizacións saíu anunciando medidas -sen que ningunha chegara ás persoas produtoras-. É moi rechamante que na Rioja a súa homóloga solucionase o problema de excedentes adoptando un marco legal para aprobar axudas de minimis, é dicir, que hai unha posibilidade clara e eficaz para apoiar ás persoas produtoras dende a Administración pública, entón por que a Conselleira María José Gómez nunca quere falar deste tema?