A Biblioteca de Ribadavia recibe o seu oitavo Premio María Moliner cun proxecto que conecta Galicia e Arxentina en prol da Axenda 2030

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • A iniciativa, centrada nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, inclúe exposicións, contacontos e o primeiro convenio internacional dunha biblioteca municipal en España

Ribadavia, 28 de outubro de 2024

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia vén de ser recoñecida por oitava vez co Premio María Moliner do Ministerio de Cultura, grazas ao seu proxecto innovador “Axenda 2030”, que implicou a nenos e maiores no coñecemento e adopción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A través de exposicións murais, mostras bibliográficas, contacontos e obradoiros ao longo dun ano, esta iniciativa converteuse nun exemplo de compromiso cultural e social.

Un dos logros máis destacados foi o traballo sobre o ODS 17, “Acadar Alianzas”, que levou á creación dunha ‘irmandade’ co a Biblioteca Popular Sarmiento de Villa Italia, en Tandil, Arxentina. Esta colaboración internacional fixo posible o proxecto “Lendas Galego-Arxentinas”, desenvolvido en cooperación cos institutos de O Ribeiro e Tandil, e cuxo contido está dispoñible en YouTube, redes sociais e a web da biblioteca. Grazas a esta iniciativa, a Biblioteca de Ribadavia convértese na primeira biblioteca municipal en España en establecer un convenio internacional.

Así mesmo, no marco do proxecto desenvolvéronse actividades en colaboración con escolas locais, a OMIX e entidades como Ecoembes, CEIDA e a Fundación Biodiversidade, que doaron libros e materiais educativos. Entre as accións máis relevantes figuran as exposicións “SOS Océanos” e “Reciclaxe e economía circular”, mediante as cales nenos e nenas aprenderon sobre a importancia de coidar o medio ambiente, os residuos mariños e a reciclaxe a través de obradoiros con materiais de refugallo.

Este recoñecemento supón un novo impulso para a Biblioteca de Ribadavia, consolidando o seu papel como referente de innovación cultural e compromiso social na comunidade.

Ademais, o Concello aprobou unha reforma da Biblioteca da que a Concelleira de Cultura de Ribadavia, Yolanda Gómez, destaca que “é unha obra necesaria desde hai moitos anos. Con esta renovación, esperamos ofrecer unha atención mellor e máis cómoda a todas as persoas usuarias, facendo deste espazo un lugar máis accesible, acolledor e adaptado ás necesidades dos nosos veciños e veciñas. Estamos comprometidos en preservar e mellorar os servizos públicos que enriquecen a vida cultural e educativa de todos os veciños e veciñas.”

A reforma da biblioteca está aprobada e financiada con fondos da Xunta.