O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño presentou dúas mocións para o seu tratamento pola Corporación, que se reunirá este vindeiro xoves en sesión plenaria. Nunha delas solicítase a acometida dun plan de mellora do edificio e do pavillón deportivo do colexio da Uceira; a elaboración de listas de contratación para o profesorado do Conservatorio; unha nova convocatoria de axudas para libros de texto e a ampliación do servizo de conciliación. Ao respecto das axudas ao estudantado, o grupo de Espazo Común comenta que “no curso pasado só se adxudicaron 4.500 euros dos 45.000 orzamentados, por culpa, en gran medida, dunhas bases infumables“, e advirten que, “neste curso, vóltase a anunciar unha partida de 40.000 € para apoio ás familias nos gastos escolares de principio de curso coas mesmas bases“.
Na segunda moción, Espazo Común alerta da precaria situación dos servizos sanitarios públicos no Carballiño e, en consecuencia, consideran necesaria a convocatoria do Consello Municipal de Saúde a fin de establecer un debate sobre esta cuestión e buscar solucións. Dende esta formación política apuntan que deste órgano municipal “forman parte profesionais sanitarios, colectivos veciñais e outras asociacións, e cremos que a súa reactivación pode supor un necesario novo enfoque para toda a problemática sanitaria que ameaza con deixar ó Carballiño nunha terrible posición“.
As concelleiras e concelleiros de Espazo Común lembran que “as familias deste pobo teñen que ver como para o coidado da saúde dos seus fillos teñen que xogar á lotaría dos cupos, e dependendo de en cal dos dous existentes lles toque, os tempos para pedir cita varían ata nunha semana“, e ese malestar fíxose patente nas protestas na rúa promovidas pola Plataforma para a defensa da sandidade pública do Carballiño.