O Psdeg de Ourense homenaxeou ás vítimas da guerra civil e o franquismo destacando que foron os reais vencedores posto que contribuiron a que se impuxera a democracia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Na provincia de Ourense foron asasinadas preto de 700 persoas, un 20% delas fusiladas tras irregulares procesos xudiciais no paredón, no chamado entón Campo de Aragón”, subliñou o secretario de Memoria Democrática da CEM, Xosé Lois Carrión

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A secretaria xeral do PSdeG, Natalia González, lembrou que onde estivo o Campo de Aragón é agora un espazo público que a Corporación municipal de Ourense acordou en maio de 2018 denominar como Praza da II República e que continúa sen materializarse este acordo

Ourense, 28 de outubro de 2024. A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE, da man da secretaria xeral, Natalia González; o secretario de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión; así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e a secretaria xeral de XX.SS. de Ourense, Alba Iglesias, homenaxearon ás vítimas da guerra civil e o franquismo nun acto que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Durante o mesmo, fíxose fincapé en que o día 21 deste mes, de hai dous anos, entrou en vigor a Lei de Memoria Democrática que substitúe á lei homónima aprobada en 2007 durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. “Parafraseando ao desaparecido cantautor Patxi Andión, con esta lei, cando se fale de calquera guerra non será preciso mostrarse remiso por explicar claramente quen venceu e foi vencido“, sinalou Xosé Lois Carrión.

Dita lei declara o 31 de outubro como o día de recordo e homenaxe a todas as vítimas porque foi cando se aprobou, en 1978, a Constitución española polas Cortes. Co gallo desa data, as e os socialistas destacaron os principios de verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición, que defenden valores democráticos e condenan, polo tanto, o golpe militar de 1936 e a posterior ditadura franquista.

“Na provincia de Ourense foron asasinadas preto de 700 persoas, un 20% delas fusiladas tras irregulares procesos xudiciais no paredón, no chamado entón Campo de Aragón, unha chaira pertencente á superficie ocupada polo cuartel de San Francisco e antigo convento. En dito emprazamento foron fusiladas máis de 130 persoas, cifra tristemente superior a doutros lugares similares en Galicia”, destacou o secretario de Memoria Democrática.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PsdeG e voceira no Concello, Natalia González, lembrou que onde estivo o Campo de Aragón é agora un espazo público que a Corporación municipal de Ourense acordou, en maio de 2018, denominar como Praza da II República, precisamente como homenaxe a todas as vítimas que alí perderon a súa vida, e que a día de hoxe continúa sen materializarse este acordo. “É hora de recoñecer a eses cidadáns e cidadás que deron a vida polo seu compromiso cos ideais democráticos. Non facelo é castigalos inxustamente de novo, condenalos ao esquecemento”, afirmou.

Alba Iglesias, edil do PSdeG e secretaria xeral de XX.SS., empregou a súa quenda de intervención para poñer o foco naquelas mulleres que ofreceron resistencia dende o cárcere ou o exilio, dándolle a volta aos roles que o patriarcado lles impuxo. “É urxente que invoquemos a súa memoria. Porque, como tantas veces ocorreu, a historia da resistencia feminina foi invisibilizada. Cando chegou a Transición, quen recuperou o espazo público foron os homes, os homes que pasaron polos cárceres e que lideraron as manifestacións. As mulleres, unha vez máis, quedaron relegadas a un segundo plano”, expuxo.

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, fixo un amplo percorrido polo que supón a lexislación no que atinxe aos dereitos da cidadanía e ensalzou que, a pesar da barbarie, a ditadura “non conseguiu borrar as ideas deses centos e centos de miles de vítimas”. “Os valores democráticos tiveron que durmir no silencio durante moitos anos, pero rexurdiron con máis forza coa chegada da democracia a este país”, finalizou.