O Psdeg-Psoe de Lobios denuncia, un ano máis, o peche do hotel balneario de Ríocaldo, que se adianta 10 días e que supón un “grave” prexuízo para a economía local

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As e os socialistas critican a decisión, unha vez máis, de adiantar o peche, que se fixo efectivo na tarde de onte e que provocará que as portas do balneario fiquen pechadas ata finais do mes de marzo ou comezos de abril, xa que a data de apertura non foi anunciada

Patrick Rodríguez insta a alcaldesa do Partido Popular, María del Carmen Yáñez, “a moverse en defensa dos intereses de Lobios e a por fin a este despropósito que ano tras ano supón un grave prexuízo tanto no eido económico como no social para Lobios e a súa contorna”

“É inadmisible que ao concello e a Deputación Provincial de Ourense, ambas entidades gobernadas polo Partido Popular, se lles encha a boca falando de provincia termal, cando pechan instalacións como o hotel-balneario de Ríocaldo durante medio ano, afundindo a economía de Lobios e a da súa bisbarra”, afirma Rodríguez

Lobios, 4 de novembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia, un ano máis, que o peche do hotel-balneario de Ríocaldo supón un “grave prexuízo” para a economía local e o municipio. As e os socialistas critican a decisión, unha vez máis, de adiantar o peche, que se fixo efectivo na tarde de onte e que provocará que as portas do balneario fiquen pechadas ata finais do mes de marzo ou comezos de abril, xa que a data de apertura non foi anunciada.

Dende o grupo municipal socialista poñen de manifesto que a decisión levada a cabo por Caldaria, a cadea de hoteis balnearios da Fundación San Rosendo que xestiona esta concesión, supón “non só un varapau na economía local, senón que tamén provoca nefastas consecuencias no municipio”. As e os socialistas critican que se volva adiantar o peche do balneario e afirman que isto “é unha mostra dos intereses privados por manter pechado un dos nosos motores económicos durante case medio ano”. Neste senso tamén apuntan que Caldaria e a Fundación San Rosendo “son empresas que contan co apoio dos poderes públicos”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, insta a alcaldesa do Partido Popular, María del Carmen Yáñez, “a moverse en defensa dos intereses de Lobios e a por fin a este despropósito que ano tras ano supón un grave prexuízo tanto no eido económico como no social para Lobios e a súa contorna”. Tal e como relata o edil socialista “o peche do balneario supón tamén o peche da actividade turística e o cese da chegada de visitantes que gastan os seus recursos e fan vida en Lobios”. Tamén destaca que Lobios “ten unha gran demanda de termalismo durante todo o ano, pero estes peches totalmente inxustificados provocan que os recursos termais queden totalmente desaproveitados”.

Rodríguez considera “inadmisible” que tanto ao concello de Lobios como a Deputación Provincial de Ourense, ambas entidades gobernadas polo Partido Popular, “se lles encha a boca falando de provincia termal, cando pechan instalacións como o hotel-balneario de Ríocaldo durante medio ano, afundindo a economía de Lobios e a da súa bisbarra”. Neste senso, o voceiro socialista insta a Yáñez e a Menor a “deixarse de palabras baleiras e de eslóganes para pórse dunha vez por todas a traballar en favor do termalismo e lograr a apertura durante todo o ano do complexo termal de Ríocaldo”.

As e os socialistas consideran que o PP “está instaurado no silencio, o que os fai cómplices do peche do hotel-balneario, que ademais volve adiantarse, como aconteceu o pasado ano, pero esta vez outros 10 días”. Esta situación, segundo afirma Patrick Rodríguez “é a viva imaxe do desleixo e o abandono co que o PP e a súa alcaldesa, María del Carmen Yáñez, tratan a Lobios e a súa veciñanza, negándose a dar a cara e a loitar polos intereses de todos e todas”.

Os e as socialistas consideran “indispensable” sentarse a falar e dialogar coa empresa, co obxectivo de “atopar unha solución a estes peches intermitentes que tanto mal provocan”, ademais de “facer cumprir as cláusulas e acordos do convenio asinado polo Concello e a Fundación hai xa 20 anos”. Lembran que foi o PP de Lobios, co seu ex-alcalde, Benito Vázquez, á cabeza os que “lle regalaron tan prezado recurso termal e natural a empresa privada, deixando de lado os intereses público e colectivo de Lobios, algo que quedou demostrado co paso do tempo”.

Prexuízo tamén para os traballadores e traballadoras

O PSOE de Lobios pon o foco tamén nos traballadores e traballadoras con contratos fixos indefinidos, que durante o peche “terán que desprazarse ao balneario de Laias, tendo que facer centos de quilómetros diariamente, ao que se suma o gasto en combustible”. Neste senso tamén relatan que a decisión “supón que, un ano máis, os empregados e empregadas teñan problemas para conciliar a vida laboral e familiar”. Ademais os traballadores e traballadoras fixos descontinuos, a gran maioría, “terán que optar polo paro nestes meses, co que lle supón para os seus petos, xa que cobrarán moito menos”.