Un total de 40 establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño veñen de promover, dende o pasado sábado, unha campaña de recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade para axudar ás vítimas da Dana rexistrada hai hoxe nove días no País Valenciano e zonas de Castilla-La Mancha. Veciñas e veciños do Carballiño e doutros municipios da bisbarra e, tamén da comarca do Ribeiro, entregaron nestes comercios e locais de hostalaría botellas de auga, briks de leite, pan de molde, almorzos envasados, latas de conserva, artigos de limpeza persoal e de fogar, así como panos infantís, compresas ou toalliñas húmidas, entre outros artigos básicos para que os damnificados polo temporal poidan dispoñer deles nas súas localidades de residencia.
Todo o material recollido foi trasladado en furgonetas ata o recinto da empresa Transportes Pacholo, ubicada no Torrón, de onde partirá hoxe un primeiro camión cunha carga parcial de 10.000 quilos (10 toneladas) ata a localidade valenciana de Algemesí, onde se procederá a súa distribución. O resto dos produtos permanecerá almacenado en palés ata a vindeira semana, á espera doutra quenda de transporte. Un traballo que foi coordenado pola xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, quen agradeceu a colaboración e solidariedade dos cidadáns que fixeron as aportacións. Concretamente, os donativos procederon do Carballiño, O Irixo, San Amaro, Beariz, Cenlle, Beade e Ribadavia, entre outros municipios da contorna. A concelleira de Servizos Sociais do Carballiño, Silvia Baranda, estivo presente no proceso de descarga e selección dos produtos recollidos.