150 profesionais da Psicoloxía de toda Galicia elixen Ribadavia para a celebración da súa reunión anual

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A vila de Ribadavia acolle este ano as XXIX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), que baixo o lema “Desafiando a historia” reúne a 150 profesionais da psicoloxía de toda Galicia nun evento de tres días, do 7 ao 9 de novembro. Este congreso non só representa un avance no ámbito científico e terapéutico, senón que ademais reforza o posicionamento de Ribadavia como un destino atractivo para o turismo de congresos e eventos profesionais. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, subliñou a relevancia de que a vila acolla eventos como este, agradecendo ao COPG a súa aposta por Ribadavia como sede. “En primeiro lugar, queremos agradecer ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que apostase por Ribadavia como sede para o seu congreso anual. Esta circunstancia está a demostrar como os congresos e actividades de colexios profesionais poden ser un elemento de dinamización para o noso territorio”, destacou Fernández. Engadiu tamén que o impulso ao turismo profesional está aliñado coa estratexia turística presentada recentemente, dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que busca afianzar a Ribadavia como destino diverso e desestacionalizado, que atraia visitantes durante todo o ano e enriqueza a oferta turística. A proba é que durante estes días, con motivo do Congreso, Ribadavia rexistra unha ocupación tanto hostaleira e hoteleira superior a habitual.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

No que respecta ao programa, as xornadas céntranse no uso de técnicas narrativas en psicoterapia, abordando temas como a xestión de emocións en conflitos sociais, a intervención en experiencias psicóticas e o apoio en situacións de vulnerabilidade en etapas como a infancia, a adolescencia e a xestación. Neste contexto, presentarase o Anuario, publicación científica da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, ademais de abrir espazos de colaboración con presentación de traballos científicos. Os obradoiros previos, celebrados o 7 de novembro no Museo do Viño de Galicia, ofreceron aos asistentes unha experiencia completa que incluíu unha visita guiada ao museo e unha cata de viños, actividades que reforzaron o enfoque das xornadas na identidade cultural galega e fomentaron a interacción e o intercambio de experiencias entre os profesionais. Con este evento, Ribadavia confirma a súa idoneidade para acoller congresos e actividades de colexios profesionais, nun camiño que o Concello planea seguir reforzando nos próximos anos para potenciar o atractivo turístico da vila e aumentar o fluxo de visitantes ao municipio.