A capital do Ribeiro intensifica a súa campaña contra a violencia de xénero con actividades educativas, culturais e reivindicativas durante dúas semanas, coa organización, por parte do Concello de Ribadavia, dun amplo programa para conmemorar o 25-N, promovendo a igualdade e a prevención a través de diversas iniciativas abertas á veciñanza. A programación con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que foi presentada hoxe polo alcalde, César Fernández, e a concelleira de Política Social, Clara Loeda, comezará unha semana antes, concretamente o 18 de novembro, cunha exposición de obras artísticas e debuxos realizados polo alumnado dos centros escolares de Ribadavia, que se poderá visitar na Casa da Cultura ata o 30 de novembro. Esta mostra ten como finalidade visibilizar a problemática da violencia de xénero e concienciar á comunidade escolar sobre a importancia de promover a igualdade desde idades temperás.
O mesmo 18 de novembro, ás 17,00 horas, terá lugar unha xornada formativa no Centro Sociocomunitario de Ribadavia, centrada na prevención da violencia de xénero e sexual no ámbito do ocio nocturno e na hostalaría. A sesión diríxese tanto a profesionais do sector como ao público xeral e pretende proporcionar ferramentas para detectar e previr situacións de risco, garantindo espazos de lecer seguros para todas as persoas. O 21 de novembro, o IES O Ribeiro acollerá un encontro-debate baixo o título “Hai saída grazas a ti”, centrado en explorar diferentes enfoques para abordar a violencia de xénero e ofrecer apoio ás vítimas. Esta actividade ten como obxectivo fomentar o diálogo e a reflexión entre a comunidade educativa e as familias sobre a importancia da intervención e o apoio social.
O día 22, a programación continuará coa representación teatral de “A cincenta que non quería comer perdices” na Casa da Cultura ás 20:00 horas. A obra, unha revisión crítica dos contos de fadas tradicionais, pretende cuestionar os estereotipos de xénero e ofrecer unha visión máis igualitaria e moderna sobre os roles de xénero. Entre o 25 e o 29 de novembro, desenvolveranse obradoiros de autoestima e prevención da violencia de xénero dirixidos a mulleres nos centros sociais de Ribadavia, ás 16:00 horas. Estes talleres proporcionarán ferramentas prácticas para mellorar a autoestima e identificar sinais de violencia, reforzando así a capacidade de resposta e autoprotección.
O programa culminará o 25 de novembro ás 20:00 horas cun acto-homenaxe ás vítimas de violencia de xénero de 2024, na Praza Maior de Ribadavia. O evento incluirá a plantación dun oliveiro como símbolo de memoria e compromiso continuo na loita contra esta lacra social, e contará coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais “Nosa Señora do Portal”. O Concello de Ribadavia fai un chamamento á participación de toda a veciñanza nestas actividades, reafirmando o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero e o impulso dunha sociedade máis igualitaria e xusta