Convocatoria do XXVI premio Vicente Risco de ciencias sociais

Os traballos poderán presentarse até o 15 de marzo de 2022

O premio está dotado con 6.000 € para a obra gañadora

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras o éxito acadado coas edicións anteriores, cumprido xa o cuarto de século, o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, refórzase coa participación na súa convocatoria da Deputación de Ourense, o Concello de Melide e as tres universidades do SUG, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, que se unen aos concellos de Allariz e Castro Caldelas e á portuguesa Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro (UTAD) que xa viñan participando nas anteriores convocatorias.

“Constitúe unha grande satisfacción ver que este premio non só se consolida, senón que mesmo medra e se enriquece coa participación de novas institucións públicas, de carácter académico e non académico”, resaltou a presidenta da FVR, Celia Pereira Porto.

“Consideramos fundamental poder seguir convocando un premio que fomenta a investigación no ámbito das ciencias sociais, que tanta relevancia teñen para as nosas vidas e o benestar social”, engadiu Celia Pereira Porto.

Este ano o premio aumenta de dotación económica, pasando de 4.000 € a 6.000 € e de número de membros no xurado, que pasan de 5 a 9, o que contribuirá a que teña unha maior proxección. O prazo para a presentación de traballos remata o día 15 de marzo de 2022.

“Agradecemos moito a colaboración de todas as entidades promotoras, tanto das que xa viñan participando, como das que se incorporan este ano: concellos de Allariz, Castro Caldelas e Melide, Deputación de Ourense, universidades de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), A Coruña (UDC), Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo)”, manifestou Celia Pereira Porto, engadindo que “este premio supón unha importante afianzamento de vínculos entre institucións académicas e non académicas deste e aquel lado da raia”, xa que ao premio se poden presentar traballos en lingua galega ou portuguesa.

Deixou dito Vicente Risco que  «Non hai actividade que non sexa guiada polo pensamento» e esta é a filosofía inspiradora da convocatoria deste premio, recoñecer aqueles traballos que nos leven do mellor pensamento a unha acción excelente.

BASES Premer na Imaxe