Os equipos técnico e artístico de “As mans da pulpeira” comezaron onte a filmación desta curtametraxe adicada a poñer en valor o ancestral traballo das pulpeiras na paraxe natural da Saleta, ubicada entre os municipios do Carballiño e Boborás e que, deste xeito, convértese nun improvisado plató cinematográfico. A historia está baseada nun guión de Duarte Caseiro que se está a plasmar baixo a dirección de Silvia Cachafeiro e a producción da Matriuska Producciones, empresa responsable doutros filmes rodados en Galicia coma é o caso da galardoada “Matria” o ano pasado. Un proxecto que se remonta dous anos atrás e que tivo a súa concreción no correspondente proceso de elección de actrices e actores para a rodaxe, que foi levado a cabo ao traverso dun ‘cásting’ realizado o pasado mes de setembro no Auditorio Manuel María do Carballiño en varias sesións, e que rematou nesta semana, na que se está a desenvolver a filmación na contorna da capela da Saleta.
A protagonista da trama é Concha, “unha muller moi traballadora cun marido que sempre a está a meter en problemas; unha moi boa muller, pero que non se anda con parvadas se xogas co seu pan, porque ten fillos na casa”, según se recolle no resumo argumental. As características do campo da Saleta aseméllanse ás da ambientación da trama, centrada nunha romaría dos anos 50 do pasado século na que no podían faltar as pulpeiras da parroquia carballiñesa de Arcos. Badal Novas estivo hoxe no ‘set’ de rodaxe para cambiar impresións con Duarte Caseiro, e charlar cunha representación das ‘pulpeiras’, as verdadeiras estrelas desta historia, “coa que se pretende render homenaxe á muller traballadora galega, e, en especial, á pulpeira de Arcos, de aí a elección dos exteriores”, tal e como apunta o propio guionista.
O proxecto desta curtametraxe, que finalmente terá unha duración aproximada de 20 minutos, conta con financiamento por parte do Ministerio de Cultura, da Agadic da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense, ademais da colaboración dos Concellos do Carballiño e Boborás e tamén de Ribadavia, xa que está prevista a rodaxe dalgunhas escenas no seu casco histórico. Tra-lo proceso de postproducción podería estar nas pantallas antes da primavera do vindeiro ano 2025 e con expectativas de participación nos principais festivais nacionais e internaciones de cine e a súa distribución en salas de proxección e plataformas dixitais.