O grupo socialista acada o compromiso FIRME da deputación DE OURENSE PARA dotar con máis recursos ao plan de cooperación cos concellos da provincia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Malia subliñar “carencias e eivas” nos Orzamentos 2025, os socialistas abstéñense na votación ao recoller o grupo de goberno o groso das súas demandas

Amais de subir a partida do CooperOU, o PSdeG-PSOE obtivo o compromiso do PP para dotar con 500.000 euros o Plan de vivenda, 250.000 euros para conservatorios e estudar a disolución do Inorde

Os socialistas tamén sacan adiante unha moción para a activación “efectiva e inmediata” do Plan EmergOU fronte ao risco de inundacións na provincia

Ourense, 29 de novembro de 2024. No Pleno de debate dos orzamentos da Deputación de Ourense para 2025, o Grupo Provincial Socialista acadou o compromiso do grupo de goberno para dotar con alomenos tres millóns de euros suplementarios o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (CooperOU) na modificación de crédito a realizar no próximo mes de febreiro.

“Malia as carencias e eivas que identificamos na proposta orzamentaria, os socialistas imos ser coherentes e manter a dinámica construtiva e propositiva iniciada neste mandato para chegar a acordos con vistas a mellorar as condicións dos concellos e da veciñanza”, subliñou o voceiro do PSdeG-PSOE na corporación provincial, Álvaro Vila. Logo de constatar a obriga adquirida polo Grupo Popular, xustificaba así Vila a abstención do seu grupo aos orzamentos, que foron aprobados.

Amais dos recursos suplementarios a repartir entre os municipios da provincia segundo criterios obxectivos, durante o debate os socialistas tamén lograron o compromiso do PP para dotar con 500.000 euros o Plan de compra e rehabilitación de vivendas para aluguer ou uso social e 250.000 euros a repartir entre os cinco concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes que contan cun conservatorio profesional de música (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia e Verín).

Doutra banda, nas conclusións do debate orzamentario, o presidente da Deputación, Luís Menor, aceptou poñer en marcha un estudo para a integración do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) no seo da Deputación de Ourense. “Cumprindo así cos puntos de acordo da moción socialista que recibiu o voto favorable da maioría das deputadas e deputados desta corporación no pleno de outubro de 2024”, destacou Vila.

Facer da Deputación un vector de progreso provincial

Na súa exposición de motivos o voceiro socialista foi moi crítico, afirmando que os orzamentos “fan caso omiso da auténtica situación da provincia, caracterizada polo despoboamento, perdendo a provincia uns 40.000 veciños desde o ano 2.000; a falta de servizos e oportunidades, as debilidades estruturais da nosa economía, que depende aínda de sectores tradicionais, así como a falta de innovación e adecuación do tecido produtivo, que carece de investimentos”.

Para os socialistas, os Orzamentos 2025 persisten en “instrumentos e políticas públicas erráticas”, presentando ao Inorde coma “claro expoñente de ineficacia e irracionalidade administrativa e falta de transparencia”. “Non se xustifica a súa utilidade nin gasto e, sen logros susceptibles de razoar a súa mera existencia, a Deputación debe asumir directamente as supostas funcións do Inorde”, explicou Vila.

Segundo este, “á luz destes orzamentos, a Deputación de Ourense non contempla ser motor de cambio, resignándose ao lento esmorecer da provincia, cunha patente a falta de ambición para reverter a tendencia de forma urxente”.

Para Vila, “a corporación provincial ten que asumir un rol protagonista no desenvolvemento de Ourense, cun proxecto claro e ambición de avanzar, que non é o caso á luz dos orzamentos”.

Prevención provincial fronte a inundacións

Co voto favorable dos grupos provinciais, o Grupo Socialista sacou adiante unha iniciativa para a activación “efectiva e inmediata” do Plan EmergOU que, aprobado inicialmente en xaneiro de 2023, pretendía “dar resposta ás necesidades dos concellos afectados por riadas, inundacións e desprendementos causados polas chuvias”.

“O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois da súa posta en marcha, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia”, subliñou a deputada socialista Elvira Lama. Segundo esta, “con tantas ferramentas ao dispor, a Deputación debe velar polo acaído funcionamento dos mecanismos de información e prevención para evitar males maiores”.

A proposta socialista tamén contempla que a corporación provincial se implique activamente e colabore cos concellos ourensáns de risco “medio-baixo” de inundacións que aínda non dispoñan dun plan de actuación na materia. Na provincia de Ourense uns 7.000 inmobles están construídos en zona inundable, revestindo perigo “medio-baixo” até 13 municipios (A Rúa, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ribadavia, Verín, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia).

Asemade, a demanda do grupo socialista, o groso do pleno acordou solicitar da Xunta de Galicia a súa “implicación económica e técnica” para a redacción dos Plans de Risco de Inundación Municipal nos concellos ourensáns, así como para o desenvolvemento destes a través da posta en marcha de programas e cursos formativos para o persoal dos distintos niveis de  intervención en emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade pública.