O programa da Rede de auditorios provincial de Ourense (reaOU) contempla para o vindeiro sábado, 7 de decembro, un concerto na vila do Arenteiro baixo o epígrafe “Jazz ad Libitum” e no que o pianista carballiñés Alfonso Medela, tamén profesor no Conservatorio de Música Municipal, estará acompañado por L.A.R. Legido na batería e Óscar Rodríguez co contrabaixo. O recital, que se inclúe no programa cultural de Nadal, terá lugar dende as 8 da tarde no Auditorio Manuel María e foi presentado esta mañá na Casa do Concello polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o propio Alfonso Medela. O edil destacou que “este é un espectáculo musical moi agardado e agradecido sempre pola veciñanza, e danse as condicións para que non haxa excusa en acudir este sábado ao Auditorio para escoitar a un músico do Carballiño”.
Pola súa banda, Alfonso Medela agradeceu “ter esta oportunidade que me brinda o Concello, xa que é un auténtico luxo poder tocar no meu pobo”. O pianista valorou a traxectoria de L.A.R. Legido, “que está considerado coma un dos mellores bateristas de España e acude a recitáis por todo o mundo”, mentres destacou que Óscar Rodríguez “toca o contrabaixo en orquestas sinfónicas e en grupos de jazz, é un virtuoso do contrabaixo”. En canto ao repertorio que interpretará o trío, Medela comentou que “vai ser un collage de bossa nova, música cubana, jazz, blues, funky e baladas, unha mestura de estilos e ritmos que non resulte aburrido para o público asistente, que espero encha o auditorio municipal”.
Alfonso Medela está recoñecido pola súa versatilidade no panorama jazzístico nacional. Titulado superior en Piano Clásido e en Jazz e Música Moderna, atesoura unha longa traxectoria como músico, e foi finalista no Premio Teté Montoliú ao mellor pianista revelación do ano. De formación clásica, atopou no jazz e na música moderna o mellor xeito de trasladar a súa sensibilidade e expresividade. A súa versatilidade e axilidade musical lévano a fusionar estilos cunha fluidez asombrosa, contando entre os seus ‘partenaires’ nomes coma os de Carlos Carli ou Ton Risco na batería; ou Bob Sands, Bobby Martínez, Xosé Miguélez e Pablo Castaño, no saxo.