Esta representación particular do Nacemento, que é un dos moitos atractivos do Nadal en Ribadavia, non queda só nas figuras e recreacións que poden verse nos millóns de Beléns que adornan por estas datas vilas, cidades, igrexas ou mesmo casas particulares. O de Ribadavia, de autor da mesma vila, engade tamén escenas de oficios tradicionais da comarca do Ribeiro e incluso personaxes da mesma. Julio Dabarca, veciño da parroquia de Francelos, amosa a súa arte de tallar madeira un ano máis coas figuras creadas para o Belén máis icónico de Ribadavia.
De tallar ataúdes, Julio pasou a tallar figuras de Nadal no ano 2001, primeiramente empregando madeira de cerdeira e, na actualidade, de castiñeiro. Nesta edición, ademais das figuras de anteriores edicións, engádense 19 personaxes máis así como outras 6 casetas, o que amplía “e fai máis bonito, ano a ano, o Belén”, expresaba emocionado durante a inauguración, Julio Dabarca. “Vou facendo pezas distintas porque a xente quere ver algo diferente. Nun día podo chegar a facer unha figura, leva tempo porque hai que primeiro cortalas, despois tallalas e por último, pintalas”, explica o proceso de creación o propio autor.
Xunto a el atopábanse tamén as Mulleres Rurais, asociación da vila que participan ano a ano axudando na montaxe deste Belén, que conta coa colaboración imprescindible da Parroquia de Ribadavia e o seu párroco, Don José Benito, que alberga a exposición na Igrexa de Santiago. “É unha sorte contar un ano máis co Belén deste artista. Isto permite, grazas á colaboración da parroquia, que a Igrexa de Santiago esté aberta durante o Nadal acollendo tanto a veciños como a visitantes. Ogallá sexa un bo signo de que o que se celebra nestas datas de Nadal se reflicta con este Belén tan particular”, destacou o párroco.
“A creación deste Belén, obra artística de gran valor do noso veciño e artista Julio Dabarca, atrae cada ano a máis visitantes, e non é para menos. As figuras talladas, do Belén “tradicional” e a mistura de elementos propios do noso concello, expostos ademais nunha Igrexa como a de Santiago, é unha parada imprescindible e recomendable do noso Nadal. Ademais, para a súa colocación colaboran as Mulleres Rurais e a Parroquia, o que o fai posible e amosa unha vez máis a forza do asociacionismo e da veciñanza de Ribadavia”, destacou o alcalde, César Fernández, que quixo recoñecer o traballo e entrega dos seus veciños e veciñas.
Precisamente o alcalde foi quen tomou a decisión, xunto co párroco, o artista e as Mulleres Rurais, de darlle unha especial relevancia a este belén, aloxándoo na igrexa de Santiago dende o ano pasado.