O mercado de Nadal “Artesanía, saber e sabor” converte a Ribadavia en epicentro da gastronomía e a artesanía galegas nesta fin de semana

O Mercado de Nadal “Artesanía. Saber e sabor” chegará esta ponte do 6 ao 8 de decembro á capital do Ribeiro. Esta será a única localidade na que se celebre este mercado na provincia de Ourense. Os outros puntos escollidos para albergalo son Santiago, Vigo e Lugo; o que coloca á vila ribadaviense á altura das principais cidades galegas. “É un privilexio que un mercado destas características teña como sede na provincia de Ourense, Ribadavia”, declaraba o seu alcalde, César Fernández. Nas empedradas rúas da localidade colocaranse o Mercado Artesanía de Galicia, na Igrexa da Madalena, coa presenza de artistas de Alfarería Lista, Contraform, Ferraxe de Prata, Jatafarta, Laura Triñanes Xoiaría, Logaro, Lumecú, María Monsalve, Mundaya e O Covil.


Tamén chegará a arte feita sabor grazas ó Mercado Artesanía Alimentaria, colocado na Praza Maior, coa presenza de De Liñares Apicultura, Triscos. Trasdeza Natur, Cienporcel, Torta de Sarria, Nela, Mamá Teresa, La Rabiosa, Xacobleas, Do Gaiteiro, Sacrapastas, Mel Casa Merche, Ánades Galicia, Menduiña, Aceiroga, Embutidos Valentina, O Rexo, Marmeladas A Morena, Pira Vila e Queixos Castelo. Para vivir “Experiencias de calidade” instalarase un espazo de expositores baixo o mesmo nome nun local da céntrica Praza Maior da vila. Nel poderase atopar produtos viños da D.O. Ribeiro de adegas como Cuñas Davia, Adega Pousadoiro, Adega Sameirás, Casal de Armán, Viña Costeira, Adegas Maleiga, Adega Cotarelo, Bodega Villanueva, Iria Otero, Xulia Bande, Terras do Caselo, Tear dos Dodi, Eduardo Bravo e Viña Carpazal.
A intención con esta iniciativa “é dar dinamismo á vila, potenciar o comercio local e para iso, durante toda a fin de semana haberá numerosos obradoiros, actuacións musicais, actividades para toda a familia, catas… Todo isto nun enclave único como é o do noso casco histórico”, salientaba o alcalde, César Fernández.


O pistoletazo de saída do Mercado de Nadal terá lugar este venres 6 de decembro ás 11.00h, con catro obradoiros simultáneos en catro ubicacións distintas. Na Praza da Madalena comezarán coa demostración de decoración nunha fachada con motivos de Nadal, actividade impartida por Verónica Souto, do obradoiro Florradeira de Paderne, que elaborará unha grilanda de Nadal con materiais reciclables e adornos naturais secos ou preservados. Chegará ó mesmo tempo, na Xudería, o obradoiro de elaboración de Sanandresiños (impartido por Jorge Bellón), no que se elaborarán figuras tradicionais de miga de pan de Santo André de Teixido.
O Obradoiro Cianotipias celebrarase na Rúa García Penedo. María José Martínez e José Antonio Carrera (Peixesapop) iniciaran ós asistentes na técnica das cianotipias, un procedemento fotográfico que emprega papel de acuarela e produtos químicos fotosensibles para obter imaxes en tons azulados.


O Obradoiro de estampaxe de teas con serigrafía, impartido por Sandra Betanzos (Amor ó Teu) ambientará cos participantes o espazo da igrexa de Santa María Madalena de Ribadavia. Nesta actividade é precisa a inscrición previa. A partir dese intre sucederanse as catas de viño (do Ribeiro, como non), actuacións musicais, sorteos de produtos artesáns, máis obradoiros para maiores e tamén pensando nos máis pequenos… que tamén recibirán a visita de Papá Noel, que chegará ó Mercado Artesanía Alimentaria situado na Praza Maior ás 18.30h do venres e repetirá visita o sábado ás 19.00h. Coa sua visita haberá tamén chocolate quentiño da man de Artesanía Alimentaria. Durante todo o venres, sábado e domingo; Ribadavia énchese de experiencias que desfrutar, con sabor e arte galega nun escenario, as rúas da vila, inmellorable como plan esta ponte de decembro.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------