Un proxecto solidario involucrará ao estudantado do IES Nº1 e á poboación do Carballiño en xeral no vindeiro mes de xanerio, coa organización dunha ruta polo Camiño Xacobeo e a recadación de donativos para un colexio de Massanassa, unha das localidades máis afectadas pola Dana o pasado mes de novembro. Baixo o epígrafe “Xuntos no Camiño …”, este proxecto pretende “espertar a solidariedade da xente e crear un espazo de colaboración entre o alumnado, penso que os rapaces son solidarios e tan só hai que darlles un espazo e a oportunidade de selos”, comenta Manuel Ángel Morón, profesor de Relixión do IES Nº1 e coordenador deste programa no que participarán 49 estudantes de 3º de ESO acompañados por tres profesores.
O percorrido polo Camiño de Santiago desenvolverase entre os días 13 ao 17 de xaneiro, partindo de Sarria e pasando por Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, Pedrouzo e Labacolla ata chegar á catedral de Santiago de Compostela. Ao longo do itinerario, a expedición realizará paradas nos xeriátricos de Palas de Rei e Arzúa, “onde os rapaces ensinaránlles aos residentes o manexo do teléfono móvil e realizarán reportaxes sobre as historias que poidan contar, ademais de elaborar unha curtametraxe sobre a ruta”, apunta Morón.
De xeito parello, dende o IES Nº1 faise un chamamento á cidadanía do Carballiño para a aportación de donativos na conta que o centro de ensino posúe na sucursal de Caixa Rural, de xeito que parte do recadado irá destinado a sufragar os gastos derivados da ruta estudantil e outra parte terá como destino o colexio de Massanassa, transferíndolla á Anpa desta escola para que a distribúa entre o alumnado e familias máis necesitadas. O resultado é unha cadea solidaria, que, tal e como figura no cartaz do proxecto, xurde da idea de que “Camiñar pola solidariedade forma parte do camiño da vida, poñer as zapatillas dos demais é entender as súas necesidades e pensamentos”.