Ecoloxistas en Acción e a plataforma veciñal Mina Touro O Pino NON presentan no centro Social A Pedreira este venres ás 18:00 h o documental “Dende que veu a mina”
As plataformas locais Alarma na Terra de Montes e SOS Suído Seixo invitan a informarse e alegar contra o proxecto de reapertura da mina de Touro
Mércores, 11 de Decembro.
Baixo o título “A estratexia da Mina de Touro ao descuberto”, os organizadores invitan a unha tarde informativa no Centro Social A Pedreira sobre a mina de Touro cuxo proxecto de reapertura está en fase de alegacións. O evento arranca coa proxección do documental “Dende que veu a mina” realizado pola Cooperativa Aqueladas coa colaboración de Ecoloxistas en Acción, que conta a historia do desastre social e ambiental causado pola mina de Touro e as graves consecuencias que pode ter a súa reapertura para a comarca. O documental foi publicado en Novembro deste 2024 por Ecoloxistas en Acción e proxéctase este vemes por primeira vez na provincia de Pontevedra. “As imaxes da contaminación e os testimonios dos veciños non deixarán a nimguén indiferente, son realmente impactantes. De cara á inminente solicitude de concesión a explotación do dereito mineiro Alberta I coa presentación do proxecto Mina Doade (Forcarei, A Lama, Beariz, Avión, Cerdedo- Cotobade) queremos que en Pontevedra se vexan os impactos ambientais e sociais desastrosos que pode ter a minería”, afirman as plataformas locais SOS Suido Seixo e Alarma na Terra de Montes.
A continuación membros da plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non informan sobre a actual situación que se vive en Touro, que impactos tería a reapertura da mina e sobre os argumentos principais das alegacións, recordando que este proxecto xa foi denegado en 2020, agora foi catalogado como proxecto industrial estratéxico, pero segue sendo o mesmo polo que se estaría incumplindo a Lei ambiental por parte do Goberno galego ao seguir co trámite. Os primeiros modelos para alegar xa estarán dispoñibles para a sinatura dos asistentes esa mesma tarde.
O Centro Social A Pedreira proxecta a continuación, a partires das 21:00 h o documental Altri: A Sede Insostible.