Galiza Nova rexistra máis de medio milleiro de sinaturas para solicitar unha mellora do transporte público entre as comarcas de Celanova e da Baixa Limia e Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Laura Pérez “demandamos a mellora dos servizos con horarios adaptados e máis amplos durante o día, creación de servizos os días festivos e creación de novos servizos os venres pola tarde dende Ourense e os domingos pola tarde dende Bande”

Ourense, 12 de decembro de 2024. Laura Pérez, Responsábel Comarcal de Galiza Nova de Terras de Celanova e Baixa Limia – Organización xuvenil do BNG, acompañada de militancia de Galiza Nova e dos deputados Iago Tabarés, Noa Presas e os deputados Provinciais María Mangana e Xosé Manuel Puga, rexistraban na delegación territorial da Xunta de Galiza en Ourense, máis de cincocentas sinaturas para demandar da Xunta de Galiza a mellora do transporte público en entre as comarcas de Celanova e da Baixa Limia con Ourense.

“Precisamos máis servizos para permitir unha mellor mobilidade para os estudantes e as estudantes que se ven na obriga de alugar pisos na cidade para cursar os seus estudos na Universidade ou da FP xa que non contan con conexións adaptadas ás súas necesidades”; declarou a representante das mocidades nacionalistas de Celanova, que continuou sinalando que “ninguén entende que en días festivos, non haxa ningún servizo ou que o último servizo entre Bande, Celanova e Ourense sexa ás 4 da tarde”

Tal como xa sinalaba a Responsábel Comarcal, nos últimos meses, a demanda foi en aumento, propiciada tamén polo aumento de xente retornada que non conta con vehículo privado, polo que se han de establecer ao mesmo tempo máis servizos, especialmente ao final da semana e da fin de semana, co fin de crear máis alternativas para ir ou vir dende Ourense, pero tamén para ir ata a estación de tren e viaxar cara outras cidades como Santiago ou a Coruña.

Durante o pasado mes de novembro, a xuventude nacionalista animou á veciñanza a asinar e reclamar máis e mellores servizos de autobús para se desprazar ata Ourense. “Durante este mes de recollida de sinaturas, a xente recoñeceu que a vila estaba discriminada con respecto doutras vilas do mesmo tamaño, que conta con numerosos servizos diarios.”

Para rematar a Laura Pérez indicaba que todas estas reclamacións non obvian nen esquecen a necesidade dunha mellora xeral dos servizos entre os concellos da comarca con Celanova e Bande, especialmente cando o transporte de escolar non ten servizos durante as vacacións