As e os edís do PSdeG destacan que o executivo de Jácome se comprometera en varias sesións do Consello Municipal de Deportes (CMD) a modificar o sistema actual para distribuir equitativamente as subvencións aos clubs da cidade
Ademais, agardan as e os socialistas que saia adiante a reforma do campo de fútbol de Palmés, o proxecto do novo campo de Seixalbo ou a construción dun pavillón de ximnasia en Ourense
Ourense, 28 de decembro de 2024. O grupo municipal socialista sinala que acadou o compromiso do goberno local, no decurso das reunións do Consello Municipal de Deportes (CMD) deste ano, de poñer fin ao actual sistema de «nominativas extra a dedo» e consensuar e levar adiante unha nova liña de axudas máis igualitaria, ampla e competitiva.
Os traballos neste senso, segundo confirmou o presidente do órgano, Aníbal Pereira, comezarán á volta de Nadal e teñen como obxectivo poñer fin a unha solución excepcional que deixou a criterio dos últimos executivos de PP e DO escoller as cifras e nomes para o reparto de fondos públicos aos clubs e entidades da nosa cidade.
Nesta liña, o grupo municipal socialista sinala que ditos clubs e entidades “obviamente non se poden opoñer a recibir esas axudas”, pero amósanse conscientes das “desigualdades e vicios que xera” o mantemento dun sistema “arcaico e caciquil”.
Ademais, agardan as e os edís do PSdeG no Concello de Ourense que en 2025 saia adiante, por fin, a reforma integral do campo de fútbol de Palmés, para o que a veciñanza contará co apoio das e dos socialistas. Así como que se desbloquee o proxecto do futuro novo campo de Seixalbo e a construción dun pavillón de ximnasia para todas as disciplinas deste deporte, demandado dende hai anos, en Ourense.