Un proxecto de 400.000 euros permitirá a peatonalización integral da contorna da Praza Maior

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello do Carballiño levará a cabo unha importante remodelación da contorna da Praza Maior ao traverso dunha ampliación de espazos cara as rúas Aldara e Baixada a Flores, e que incluirá a peatonalización dos tramos correspondentes destas vías de comunicación situadas no epicentro da vila. O proxecto, elaborado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas, contempla unha armonización dos diferentes niveis existentes entre a coñecida como Praza Cercis, a rúa Aldara e a propia Praza Maior coa colocación dun pavimento en pedra, conservando as árbores actuais e prantando outras especies vexetais.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ao respecto, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, comenta que o equipo municipal de goberno xa solicitou á Xunta de Galicia o finanzamento necesario para executar este proxecto, que ascende a uns 400.000 euros, ao abeiro do Plan Hurbe, que está orientado ao embelecemento e humanización dos espazos públicos urbanos. Este proxecto vén a unirse aos de ampliación do Parque Empresarial de Seoane e á construcción dun novo complexo polideportivo na Uceira, que, xunto coas obras que financiará a Deputación Provincial (ata os 500.000 euros), supoñen, para Fumega un importante pulo para o desenvolvemento do Carballiño neste ano 2025 que agora comeza.

Deste xeito, a Praza Maior integraríase no conxunto de arterias da contorna que xa están peatonalizadas, como son as rúas Perfectino Viéitez e Cánovas del Castillo; Rosalía de Castro e Tomás María Mosquera, e, finalmente, a rúa Curros Enríquez. A circulación de vehículos queda garantida unha vez se proceda a apertura do vial que permitirá enlazar as rúas Faustino Santalices e Alberte Vilanova, contemplado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado hai xa 25 anos, e que nestes intres se atopa en periodo de exposición pública. Así, os automovilistas poderán desprazarse dende a avenida Conde Vallellano ata Faustino Santalices e Cesáreo Tizón aproveitando o nexo da rúa Caridade, que discurre tra-la Casa do Concello.