10 Achados arqueolóxicos top en Galicia 2024

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

1- Aparecen dous formidábeis exemplares de arte galaico no castro de San Vicenzo, Avión, Ourense. Primeiro apareceu un espectacular tríscele, motivo habitual na área meridional da Gallaecia e, tan só uns días despois, outra pedra labrada semellante á anterior cunha inusual cruz embolada. O equipo de investigadores destaca deles as súas dimensións, a delicada factura do baixorrelevo e, sobre todo, o seu bo estado de conservación. É moi probable que formaran parte dalgún friso ou outro tipo composición decorativa dunha das cabanas do recinto superior deste impoñente poboado que, tras unha segunda campaña de escavación, parece apuntar a que estivo activo até o cambio de era.

2- Descobren un excepcional sartego antropomorfo no xacemento medieval de O Preguntoiro, Pantón, Lugo. Na cuarta campaña de escavación arqueolóxica deste ancestral lugar da Ribeira Sacra desenterrouse unha tumba case intacta datada no século X d.C., xusto ao pé do muro sur da xa coñecida capela de San Xoán Degolado do s. XII. Trátase dun achado sorprendente xa que non é nada habitual por este lares atopar un enterramento co depósito funerario orixinal. Como materiais vencellados ao sartego escavado na rocha atopáronse ósos esnaquizados, restos de sementes, un nivel de queimado con carbóns na parte baixa e varias tellas ao costado. Documentáronse tamén varios anacos de seixo branco e unha lousa furada, elementos que adoitan aparecer en contextos funerarios altomedievais. Moi probablemente este achado forme parte da necrópole dun dos primeiros eremitorios de Galicia.

3- Identifícanse os restos de Teodomiro, bispo de Iria Flavia no momento do descubrimento do corpo do apóstolo Santiago. Máis de medio século despois do achado dunha tumba con restos humanos baixo a Catedral de Santiago de Compostela, un equipo de investigadores internacionais logrou asociar ao falecido á época e contexto do relixioso que protagonizou a “inventio” compostelá, suceso que co andar dos anos levou á constitución e éxito do Camiño de Santiago.

4- Localizan unha colosal fortificación da Idade do Bronce en Vilar do Barrio, Ourense. Trátase dun enorme recinto fortificado cunha muralla exterior de dous quilómetros de corda, que foi construída entre os séculos XIII-IX a.C., converténdose na primeira fortificación desta escala documentada en Galicia e que é moi semellante ás existentes para esta época no sur e levante peninsular. O espectacular xacemento de O Castelo, que ocupa unha extensión dunhas 16 hectáreas no borde da antiga lagoa de Antela, tamén acolle un castro con murallas monumentais onde apareceron numerosos fragmentos de ánforas da Bética datadas no cambio de era, un asentamento romano temporal con máis ánforas e obxectos asociados ao exercito romano como armas e chatolas de caligae, ademais de evidencias de minaría de época romana e un castelo medieval aínda non localizado.

5- A escavación da fortaleza medieval da Pena Corneira, Leiro, Ourense, desvela un poboado tardorromano e outro do Calcolítico nos arredores. A primeira campaña arqueolóxica neste monumental paraxe natural do Ribeiro confirmou, dunha banda, a existencia dun castelo medieval vencellado a sucesos tan relevantes como a revolva irmandiña, ademais da aparición de muros, cerámicas desde o século XII, moedas, armas, útiles domésticos, xoias, cunchas ou o estribo dun cabalo. Ademais, nunha plataforma próxima descubriuse un gran poboado romano, ata o momento descoñecido, que inclúe unha necrópole dentro dun abrigo cunha tumba escavada na rocha e, ao lado, os restos doutro sarcófago con caixa de pedra cuberto con tégula de época romana. A maiores, noutra plataforma próxima, apareceu un achado do máis relevante, numerosos fragmentos cerámicos tipo Penha característicos dun asentamento de época calcolítica.

ACHADOS 1 a 5

 6- Descobren indicios dunha vintena de castros na provincia da Coruña. O achado forma parto do proxecto “Hinterland. Recoñecendo a actividade fora dos castros da Idade do Ferro do Noroeste Ibérico”, que ten como un dos seus principais obxectivos atopar evidencias ou restos do que facía a xente máis aló dos asentamentos. Empregando fotografías aéreas e de satélite, ademais do “Lidar”, atopáronse un total de 180 posíbeis sitios arqueolóxicos (mámoas, castros, Idade Media…) nunha área duns 1.000 kms cadrados na zona central da provincia.

7- Achan un gran edificio de época romana no castro de Pereiras, Mos, Pontevedra. Na cuarta campaña de escavación deste poboado fortificado, descubriuse unha edificación que, polas súas características, apunta cara unha arquitectura moi diferenciada do resto das cabanas circulares atopadas neste xacemento datado ao redor do século IV a.C. A estrutura, que podería chegar aos 250 metros cadrados, falaría da construción dunha enorme e illada “domus” romana sobre un pequeno castro rural preexistente. Este modelo, de escasos paralelos no noroeste peninsular, conectaría así con casos como os de Chao Samartín ou Chuis, ámbolos dous en Asturias. 

8- Descobren restos dunha ocupación de hai máis de 5000 anos no xacemento arqueolóxico de Ceada das Chás/ Castelo de Lobarzán, Oímbra e Monterrei, Ourense. Destaca a aparición dun burato de poste no contexto dunha estrutura circular, que, segundo apuntan os investigadores, podería ser unha cabana ou construción doméstica. De ser así, sería clave para comprender mellor as formas de vida e organización das comunidades prehistóricas do Val do Támega.

9- Achan estruturas e abundante material cerámico de época romana, provisionalmente datado entre o século I a.C. e o s. I d.C., preto da praia de Rodas, Illas Cíes, Vigo, Pontevedra. A descuberta, no Lugar de Vila do Mar, permitirá investigar os primeiros momentos da presenza ou ocupación de Roma deste importante e afamado Arquipélago da ría de Vigo, que xa conta entre outros co castro de Hortas no Monte do Faro. A campaña tamén constatou un poboamento ininterrompido dende a Idade do Ferro ata o século VI d.C.

10 – Descobren restos dun asentamento de época sueva na necrópole medieval do lugar do Combarro, na parroquia de San Vicente de Trigás, Mondoñedo, Lugo. A aparición do que foi identificado como un espazo de vivenda e un forno de cereal, súmase ao achado de cerámicas datadas entre os séculos V e VII. Dentro da escaseza e excepcionalidade de descubrimentos pertencentes a este momento en Galicia, entre a Antigüidade tardía e a conquista visigótica, escavacións como a desta vila mindoniense revélanse de grande interese para poder coñecer como era a vida das xentes do noroeste no sempre suxerinte período suevo, ademais de entender a paisaxe rural de Galicia na Alta Idade Media.

ACHADOS 6 a 10