Consideremos que o Concello, como capital comarcal, debería presentar alegacións como Administración afectada ao macro proxecto eólico, fotovoltaico e da Macro Balsa que afectará ao Coto de Novelle.
A Xunta pretende permitir que se instale nun dos nosos montes referenciais tres enormes instalacións: unha planta solar fotovoltaica e un novo parque eólico, que se lle sumarán á xa anunciada “Megabalsa”, con auga remontada por tubaxes desde o Miño.
Ribeiro en Común manifesta a súa preocupación polo terrible impacto que van supoñer estas tres Plantas, sen a penas beneficio económico nin laboral para a nosa comarca. Un enorme custe sen apenas beneficio para os veciños do Ribeiro, que xa soportan varios encoros nos seus ríos e as súas consecuencias e un feixe de parques eólicos, sen que repercutan directamente en beneficio do Ribeiro nin das nosas facturas de luz.
No Pleno de setembro do 2023, cando se anunciara un dos tres proxectos en marcha, o Pleno de Ribadavia xa abordara o debate sobre o proxecto da Megabalsa e o impacto medioambiental que ía supoñer para o Ribeiro e para Ribadavia.
Esta semana o Diario Oficial de Galicia publicaba a solicitude de autorizacións administrativas para a construción dunha Planta solar fotovoltaica. Informan desde a Plataforma Stop Eólicos que é a segunda instalación que a empresa Aratel, de capital madrileño e aragonés ,promove nesta zona, xa que tamén ten un macro polígono eólico a só 4 quilómetros do anterior.
Neste sentido, Stop Eólicos cualifican de “fragmentación fraudulenta”, a tramitación por separado de ambos proxectos. “Estamos diante dun polígono híbrido -dos que acostuma a promover Aratel- de 52,3 MW de potencia que a lexislación obriga a tramitar a través do Ministerio para la Transición Ecolóxica, fóra das competencias da Xunta”. Por riba, sinalan desde o colectivo, que a empresa “non inclúe o estudo de impacto ambiental dunha instalación que ocuparía 16 hectáreas entre Reigoso, A Bouza e Os Pereiros”.
“Stop Eólicos” informa que iniciará unha campaña contra a macro planta fotovoltaica cuxo prazo de exposición pública é ata o día 20 de febreiro. Neste sentido, desde o noso grupo facemos un chamamento a todos os grupos municipais da comarca do Ribeiro para que presenten iniciativas nos seus Concellos contra estes tres macro parques (megabalsa, eólicas e fotovoltaica) plantexados por empresas que veñen aquí a enriquecerse sen deixar a penas beneficio económico e social, e que debido ao seu tamaño supoñen unha agresión ao medio natural e a nosa fauna, e un posible impacto climático nunha comarca onde o sector do viño é tan importante.
Así, hai que recordar que continúa en marcha a instalación dunha Megabalsa, con auga do Miño, no Coto de Novelle, a 700 metros de altura, e que terá unha capacidade de 1,36 hectómetros cúbicos de auga e ocupando unha superficie de case 22 hectáreas. Para esta obra está previsto un enorme movemento de terras que perxudicará aos hábitats naturais e a biodiversidade, e ademais, este tipo de balsas poden modificar o microclima da nosa zona. Así o advirten xa estudosos da hidroloxía e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).
Axuntamos dúas imaxes da ubicación do Coto de Novelle, en pleno Corazón do Ribeiro, e visible desde toda Ribadavia.