Redrum representa o sábado no Auditorio o espectáculo de monicreques “Os contos de Lobicán”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A programación do ‘Nadal  Cultural’ do Carballiño pecharase o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, coa representación da obra de monicreques “Os contos do Lobicán” a cargo da compañía Redrum Producións. A función está dirixida a público de 3 a 8 anos de idade e terá lugar no Auditorio Manuel María ás 6 da tarde, dentro do ciclo de teatro infantil da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), cun prezo de 3,50 € pola entrada. A montaxe está baseada en textos de Eva Mejuto, con Alex Sampaio na dirección; Davide González na música e Guillermo Carbajo e Victoria Pérez no elenco artístico.

Lobicán é un animaliño curioso que goza explorando o bosque e compartindo momentos coa súa familia. A pesar da súa reticencia cara á escola e o estudo, Lobicán mostra un profundo interese por aprender sobre a natureza e o mundo que o rodea. Nai Lobicana pídelle levar unha torta ao avó, e mentres Lobicán está no bosque, atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño cara á casa da súa tía Silvana. Sen importar as súas diferenzas, Lobicán e Xiana establecerán unha forte amizade que os axudará a superar perigos e desafíos. “Os Contos do Lobicán” é unha historia conmovedora que resalta a importancia da amizade, a aceptación da diferenza e o respecto pola natureza, deixando unha poderosa lección sobre a importancia de valorar as relacións persoais e protexer o noso medio ambiente.

É unha historia en verso, áxil e atrevida, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022. O espectáculo, que mestura interpretes reais con monicreques, está inspirado no atractivo mundo de Wes Anderson onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música axudan a transmitir os valores anteriormente mencionados. A través da riqueza da narrativa e dos seus entrañables personaxes, o espectáculo convida a nenos e nenas a reflexionar sobre o mundo que os rodea e imaxinar novas posibilidades dun futuro máis inclusivo.