Espazo Común recurre o acordo tomado pola Corporación para a suba da taxa da auga según o IPC

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño, por medio do seu voceiro, Adolfo Nogueira, vén de interpoñer un recurso de reposición contra o acordo adoptado pola Corporación na sesión plenaria do 19 de decembro pasado, polo que se aprobaba unha modificación da ordenanza fiscal da taxa da auga según o IPC, desestimando unha alegación presentada por esta formación política. Espazo Común xustifica o planteamento deste recurso en base a un informe da tesoureira do Concello, no que se señala que  “é imprescindible o informe técnico-económico do Departamento de Medio Ambiente para determinar a suba/baixada ou conxelación das cotas segundo os custos do servizo”.

Ao respecto, dende Espazo Común lembran que o grupo municipal de goberno, integrado polos 11 concelleiros de PSOE e PP, aprobou unha suba do 2,3% da taxa da auga que pagan os veciños do Carballiño, e indican que “este dato extraído da evolución do IPC a nivel estatal non garda ningunha relación expresa co custo do servizo de xestión das augas e é, a todas luces, ilegal a súa aplicación”. Engaden que “resulta sorprendente a postura do PP que hai tres anos, na oposición, anunciou que denunciaría no xulgado esta medida se se levaba a termo e que agora respalda a proposta de Fumega”.

Os concelleiros de Espazo Común subliñan que “estamos fartos da irresponsabilidade dun goberno que só se preocupa de cobrar os seus soldos e que é incapaz de facer ben ata algo  tan sinxelo”, e aseguran que “as torpezas e as ilegalidades constantes deste desgoberno fan moito dano tanto á institución coma á veciñanza pois afectan directamente aos seus petos e á calidade dos servizos que reciben”. Finalmente, advirten que “no caso de que os votos do goberno municipal manteñan esta decisión, recurriremos aos tribunais para que se faga xustiza”.