Un mural no colexio público de Cenlle promociona a igualdade de xénero

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Cenlle, acompañado da súa alcaldesa, Rebeca Sotelo, para visitar o colexio CEIP Carmen García Carrasco, onde está exposto un mural que promociona a igualdade de xénero entre mulleres e homes. O delegado territorial explicou que esta expresión artística foi unha das iniciativas beneficiadas polas dúas liñas de axudas dirixidas ás asociación de nais e pais, que a Consellería de Política Social e Igualdade puxo en marcha para a promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero no seo da comunidade educativa. Neste senso, lembrou que estas achegas de preto dun millón de euros abranguen un total de 185 centros de toda Galicia.

Manuel Pardo subliñou que o obxectivo destas actividades é reforzar a sensibilización e prevención neste eido, poñendo o foco nos máis pequenos e a súa contorna. Ademais, sinalou que é especialmente importante que estas iniciativas se desenvolvan tamén nos municipios máis rurais.

O representante do Goberno galego manifestou que a promoción da igualdade é especialmente importante entre as xeracións moi novas porque son a base para acadar unha sociedade libre de violencia contra as mulleres, por iso agradeceu o labor que desenvolven as asociacións de pais e nais dos centros educativos neste eido.