A CIG comeza este martes 28 as protestas que desenvolverá todas as semanas mentres non se revaloricen as pensións públicas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

As primeiras mobilizacións terán lugar nas lugar sete cidades e nas Pontes e coincidirán coa celebración do Consello de Ministros/as

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Galiza, 27 de xaneiro de 2025.

O Colectivo de Persoas Xubiladas e comeza este martes 28 de xaneiro as mobilizacións semanais que manterá mentres non se aprobe a revalorización das pensións para este ano 2025. Con estas protestas, que coincidirán coa celebración do Consello de Ministros/as, a central sindical esixirá a suba das prestacións por xubilación conforme ao IPC que contemplaba o decreto bloqueado no Congreso dos Deputados/as por parte do PP, VOX e Junts.

As primeiras mobilizacións terán lugar nas sete cidades e na localidade eumesa das Pontes, aínda que a intención do Colectivo é estendelas ao resto do país e mantelas até que se aplique o incremento do 2,8% previsto no decreto que contiña un paquete variado de medidas que o Goberno español de PSOE e Sumar levou a votación “para obrigar dalgún xeito a que se votara a favor e se aprobara no seu conxunto”. Pero o decreto foi votado en contra por PP, VOX e Junts, “o que supuxo botar abaixo, entre outras cuestións, a suba das nosas pensións”.

Dende a CIG denuncian que, pola contra, noutra votación recente o PP e o PSOE non tiveron reparo en coincidir para sacar adiante un decreto que supón un novo recorte no sistema público de pensións, poñendo fin á xubilación parcial aos 61 anos. “Unha medida que, como todas as reformas que de xeito continuado están a desmantelar o sistema público de pensións (xubilación aos 67, aumento do tempo de cotización mínima, etc) chegaba ao Congreso co pacto da patronal e CCOO e UGT, que continúan entregando os dereitos da clase traballadora no diálogo social”.

En consecuencia, a central sindical porá en marcha un calendario de mobilizacións que incluirá protestas todos os martes para esixir a suba das prestacións por xubilación e na defensa dun sistema público de pensións que continúa a ser atacado no marco do diálogo social. “Xa está ben de que o diálogo social siga vendendo os nosos dereitos e de que se utilicen as pensións no xogo entre PSOE e PP”.

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG leva tempo denunciando e mobilizándose ante a situación de desmantelamento do sistema público de pensións por parte dos distintos gobernos do Estado.

E para reclamar que a contía mínima das pensións sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para poder “vivir con dignidade e sen penurias”. Xa que a pensión media galega está case 15 puntos por debaixo da estatal, chegando os 173 euros menos ao mes, o que sitúa a Galiza en segunda posición, pola cola, coas pensións máis baixas do Estado. Mais na provincia de Ourense a pensión media si é a máis baixa.

Tamén que se fixe por lei a igualación das pensións mínimas e do SMI, que “debera ser de 1253 euros (o 60% do salario medio), tal e como se recolle na Carta Social Europea”. E que as pensións se revaloricen conforme o IPC acumulado a final de ano, como única forma de recuperar o poder adquisitivo perdido coa introdución, en 2021, do índice do IPC medio.

LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS:

A Coruña: Praza de Ourense, diante da Delegación do Goberno, ás 12:00h.

As Pontes: Saída en caravana de coches, diante do local da CIG, ás 11:00h.

Ferrol: Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta, ás 12:00 horas.

Lugo: Praza Maior, diante do Concello, ás 11:30h.

Ourense: Rúa do Paseo, diante do Edificio Jose Angel Valente, ás 12:00h.

Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 11:30h.

Santiago: Praza do Toural, ás 12:00h.

Vigo: Mercado do Calvario, ás 11:00h.