Esta mañá o delegado territorial visitou a empresa Minera de Rocas, S.L.U. que foi obxecto de dúas achegas da Consellería de Economía e Industria de 212.575 euros
- O delegado territorial resaltou que coa convocatoria prevese a mobilización de 30 millóns de euros, aforros de 5 millóns de litros ao ano de combustible diésel, unha redución de emisións equivalente a plantar 825.000 árbores e a creación de máis de 100 postos de traballo directos
- O representante do Goberno galego explicou que as axudas están destinadas tanto a autónomos como a sociedades que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia
- Esta orde de axudas ten carácter bianual para ofrecer unha maior flexibilidade ao tecido empresarial e o procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva
- Manuel Pardo detallou que con estas subvencións a empresa acometeu a substitución dunha das catro perforadoras hidráulicas autopropulsadas que realizan a tarefa de escuadrado para a obtención dos volumes finais de granito ornamental comercializados, e levou a cabo a substitución dunha retroescavadora sobre eirugas
Ourense, 27 de xaneiro de 2025 .- O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Melón para visitar a empresa Minera de Rocas, S.L.U. que ten como actividade principal a extracción e transformación de granito ornamental, e que foi obxecto de dúas achegas da Consellería de Economía e Industria de 212.575 euros ao abeiro da orde de axudas para promover o aforro e a eficiencia enerxética nas empresas galegas.
O delegado territorial explicou que con estas subvencións a empresa acometeu a substitución dunha das catro perforadoras hidráulicas autopropulsadas que realizan a tarefa de escuadrado para a obtención dos volumes finais de granito ornamental comercializados, e levou a cabo a substitución dunha retroescavadora sobre eirugas.
Anuncio dunha nova convocatoria
Manuel Pardo aproveitou a súa estadía na Serra do Faro para lembrar que vén de abrirse o prazo para unha nova convocatoria desta orde de axudas da Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que está dotada con 7,5 millóns de euros, financiados a través dos fondos comunitarios do programa Feder Galicia 2021-2027.
O delegado territorial explicou que as axudas están destinadas tanto a autónomos como a sociedades que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. Tamén ás empresas de servizos enerxéticos. Todos eles poderán beneficiarse duns apoios que oscilan entre o 20 % e o 55 % segundo a norma de aplicación. A axuda máxima por expediente será dun millón de euros (agás no caso de minimis, que será de 300.000 euros), mentres que este importe ascende aos dous millóns de euros de apoio máximo por empresa beneficiaria.
Deste xeito, nas empresas con actividades de transformación e comercialización de produtos da pesca e a acuicultura, a contía da achega será do 35 % do custo elixible para grandes empresas, o 45 % para as medianas e o 55 % para as pequenas. No caso de proxectos destinados a medidas de eficiencia enerxética en edificios, as contías van do 20 % para grandes empresas, o 30 % para medianas e o 40 % para pequenas. E, no suposto de medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios, a contía da subvención será do 35 % do custe subvencionable da actuación para grandes empresas, do 45 % para medianas e do 55 % para pequenas.
Esta orde de axudas ten carácter bianual para ofrecer unha maior flexibilidade ao tecido empresarial e o procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva. Esta nova edición incorpora ademais unha ampliación do prazo de solicitude, que pasa de dous a oito meses co fin de facilitar o acceso a estes apoios. Outra das novidades é que se recolle de xeito explícito a posibilidade de subvencionar instalacións novas, así como a compatibilidade da axuda cos Certificados de Aforro Enerxético (CAE).
Coa convocatoria prevese a mobilización de 30 millóns de euros, aforros de 5 millóns de litros ao ano de combustible diésel, unha redución de emisións equivalente a plantar 825.000 árbores e a creación de máis de 100 postos de traballo directos.
A convocatoria actual é a terceira cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo Feder Galicia 2021-2027. Unha liña de axudas que o Inega leva impulsando desde hai 11 anos, cun orzamento total de 55,6 millóns de euros para apoiar 1.640 proxectos que permitiron a redución de emisións de CO2 equivalente a plantar 6,7 millóns de árbores.