A edición ‘Ano cero’ das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) terá lugar no Carballiño do mércores, 20 de novembro, ata o domingo, día 24, co seu epicentro no Auditorio Manuel María e cun amplo programa de proxeccións, nas que o estudantado dos centros de ensino da vila está convidado a asistir ao longo da semana. Os horarios previstos serán ás 11,30, 17,30, 19,00 e 20,30 horas, con entrada totalmente libre e gratuíta. A presentación das actividades deste festival, que cumpre 40 anos de andaina, tivo lugar hoxe na Casa do Concello coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e os irmáns Daniel e Mario Filloy, que se encargan de coordinar este evento.
A competición internacional do certame é ‘Xentes’, que estará formada por 4 curtas galegas (Xentes de aquí) e 18 curtas non galegas (Xentes de acolá), que serán seleccionadas por un xurado profesional, que entregará o premio a Mellor Curtametraxe e a Mellor Curtametraxe Galega. A competición de curtas nacionais, ‘Xénese’, realizadas por directores e directoras noveles menores de 30 anos, que serán valoradas por un xurado novo e a correspondente entrega do premio a Mellor Curtametraxe Xénese. Tamén haberá outro concurso de vídeos musicais galegos, ‘Vídeoclips’, que se realizará a través das redes sociais, otorgándose o premio por votación popular. Finalmente, ‘Xermolar’ será unha sección non competitiva de curtas infantís de todo o mundo, con proxeccións para centros de ensino primario e abertas ao público.
Nas últimas edicións das Xociviga víñanse recibindo de 30 a 50 curtametraxes para concursar, mentres este ano chegaron preto de 1.000 de 39 países diferentes, dos cales foron seleccionados ao redor de 40 traballos, alguns deles procedentes dos Festivais de Cannes e Venecia, da Berlinale, e do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy, entre outros, de xeito nas Xociviga teremos 23 estreas en Galicia”. O xurado do certame estará constituiído por Matilde Rodríguez, xestora cultural e comisaria de exposicións; Bruno Arias, director, guionista e montador, e Lucía Mera, xornalista e consultora de comunicación cultural.