Ribadavia acolle mañá “Electroficial”, un festival de música coa participación de ICF, Conde e Grima

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tras o cheo absoluto da primeira edición celebrada polo colectivo o 11 de xaneiro de 2025 coa actuación de Raposa e a grabación do videoclip da banda pontevedresa, nesta ocasión, a
asociación Arteficial, comprometida coa innovación e a diversificación cultural, celebra o regreso, mañá,  sábado 1 de febreiro, de “Electroficial”, un evento que formou parte dos primeiros pasos e das accións programadas por este colectivo (ICF formou xa parte da programación do Festival Arteficial o ano 2012 e 13 anos despois, retorna a nosa localidade) pero que agora, renace con maior solidez e un formato renovado, mantendo o espírito multidisciplinar e ecléctico que define ao colectivo, e explorando por primeira vez o espazo do MVP de Ribadavia.

Este evento insírese dentro das actividades previas ao 20º aniversario de Arteficial, que terá lugar en 2026, co obxectivo de aumentar a actividade cultural e abrir novas portas á colaboración artística e ao uso de espazos pouco convencionais. En breve a asociación Arteficial comezará a anunciar o cartel do XIX Festival Arteficial que se celebrará o 6 de setembro de 2025. Nesta nova edición de “Electroficial”, a música será a protagonista, cunha proposta que combina talento con proxeción internacional, con artistas doutras comunidades e locais.

O cartaz deste festival inclúe a participación de ICF, un DJ cunha ampla traxectoria en cabinas como Mondo Club (Vigo) e Sala Siroco (Madrid). Mitade do proxecto Holydubs, residente en Salitre Vigo e habitual de festivais como Soundwaves (Croacia) ou Re:sound (Reino Unido). Para esta ocasión especial, traerá unha coidada selección de vinilos de electrónica contemporánea con outros máis atemporais. Tamén estará Conde, que procedente de Benicàssim (Valencia), mestura Dub-House, House e minimal de culto, nunha proposta sofisticada e contundente. O programa culmina con Grima, que dende Mataró (Barcelona), achegará grooves e ritmos bailables, cunha enerxía ideal para manter o ambiente vibrante.

Fiel á esencia de Arteficial, este evento destaca pola súa aposta polas colaboracións locais e pola exploración de novos espazos e formatos. “Electroficial” simboliza a vontade do colectivo de diversificar, conectar xeracións e ampliar horizontes culturais a través da música e a creatividade. A actividade terá lugar mañá sábado na sala MVP Ribadavia cun horario que irá das 23,00 ata as 4,00 horas.