Data: Domingo 9 de febreiro
Hora: 12,00 horas
Lugar: Na feira (alameda) de Cartelle.
Con motivo do Día das Enerxías Limpas, pasado mañá domingo, 9 de febreiro, a Coordinadora Eólica Así Non convocou unha xornada de mobilización na Galiza, que se desenvolverá en 8 actos en distintas localidades do país. En Ourense, diferentes colectivos organizan unha concentración en CARTELLE, ÁS 12,00 HORAS DO MEDIODÍA NA ALAMEDA DE CARTELLE
APOIOS
A concentración en Cartelle está apoiada polos seguintes colectivos e entidades: Aira das Bestas, Afiando o vento, Amigas das Árbores de Ourense, Amigas das Cegoñas, Amigas da Terra, Asociación cultural e medioambiental Tarabelada, Asociación Cultural Follas Vivas Lois Antón de Ramirás, C.S. A Alvariça de Allariz, Ecologistas em ação Galego-Trasmontano, Movemento Ecoloxista da Limia, Plataforma comarcas Limia – Verín Non ás Minas, Salvemos A Serra Martiñá, Salvemos o Támega ADEGA Monterrei e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova.
DEMANDAS Á XUNTA
A mobilización denuncia o espolio eólico do territorio e demanda o dereito das galegas e dos galegos a unha moratoria ou suspensión preventiva de todos os proxectos eólicos en tramitación ou non executados ata que non se renove o actual Plan Eólico de Galiza. Tamén, que se respecten as decisións xudiciais e aos órganos de Xustiza en relación ás paralizacións cautelares de proxectos eólicos, e que se respecte o noso dereito á participación directa no proceso de planificación eólica; así como que a nova planificación eólica de Galiza estea ao servizo do pobo e do dereito a vivir e a traballar na nosa terra.
HOMENAXE E DENUNCIA DA INVASIÓN
Durante a concentración en Cartelle renderase homenaxe a Miguel Ángela Novoa Martínez, activista medioambiental falecido recentemente e un dos impulsores da loita contra a invasión eólica nas comarcas da Limia e Terrra de Celanova.
Ademias, o acto servirá para poñer no foco da opinión pública a ameaza que pende sobre os concellos de Cartelle (comarca da Terra de Celanova) e Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro) co proxecto en tramitación dun macropolígono híbrido -eólica máis fotovoltaica- que supera os 50 Mw de potencia a instalar e se presenta ao procedemento fragmentado de maneira fraudulenta.